
A xunta directiva da Federación Galega de Piragüismo vén de decidir na súa última reunión os premios que concede cada ano para recoñecer o labor realizada por concellos, clubs e deportistas nas diferentes modalidades deste deporte e neles hai presenza valdeorresa.
Un deses recoñecementos correspóndelle ao Descenso do Sil, celebrado o pasado 14 de setembro, no marco das Festas do Cristo, segundo informa o Concello do Barco, que resultou elixido como a regata mellor organizada en Galicia no 2019. Estes premios serán entregados na Gala do Piragüismo Galego, que se vai celebrar o 21 de decembro en Santiago.

Ademais, por primeira vez, a elección dos mellores do ano fíxose coa colaboración da cidadanía, que votou na páxina da Federación Galega de Piragüismo para axudar na concesión das distincións. “O premio á regata mellor organizada para o Descenso do Sil é un recoñecemento ao traballo realizado pola Concellería de Deportes, que dedica moito esforzo a esta proba, considerada unha das máis importantes do piragüismo nacional”, destacan dende o Concello do Barco.
Na pasada edición destes premios o Descenso do Sil xa lograba un accésit na categoría de mellor regata organizada.