A Deputación de Ourense é un dos principais patrocinadores da 57ª edición do Rallye de Ourense Recalvi que converterá, unha vez máis, “á nosa provincia, na capital do automobilismo”, asegurou o presidente provincial, Luis Menor, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, na presentación desta proba que se disputará os días 14 e 15 de xuño.
Na presentación estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; o tenente de alcalde de Ourense, Aníbal Pereira; o presidente da Real Federación Española de Automovilismo e vicepresidente da Federación Internacional de Automovilismo, Manuel Aviñó; e o presidente da Escudaría Ourense, Jano Fraga, que detallaron os aspectos técnicos desta proba que contará con 14 tramos cronometrados nos que os pilotos percorrerán 159,48 km.
“Desde a Deputación, amosamos o noso firme compromiso e apoio cunha das probas deportivas máis senlleiras que se celebran na nosa provincia”, salientou Luis Menor, quen lembrou que esta colaboración co Rally é “histórica e enmárcase na política de promoción do deporte provincial que queremos levar a cabo desde o goberno provincial”. Neste sentido, o presidente da Deputación destacou o espazo que ocupa o automobilismo nese compromiso provincial co deporte “pola fonda pegada e arraigo que existe na nosa terra ao redor do mundo do motor”.
Así mesmo, Luis Menor puxo en valor o “importante impacto económico, turístico e promocional” que ten o Rally na provincia de Ourense, “berce do automobilismo galego”. Salientou o “gran traballo” de organización que realiza a Escudaría Ourense “para poder manter na tempo esta competición” con case 60 anos de historia, así como a axuda de numerosos voluntarios que “fan posible que Ourense volva a ser un referente no mundo do motor”.
O 57 Rallye de Ourense Recalvi comezará oficialmente o xoves 13 de xuño coa cerimonia de saída ás 22:30 horas desde o Parque de San Lázaro, onde tamén estará o parque pechado na noite do venres ao sábado, o reagrupamento do sábado ao mediodía e a entrega de trofeos o sábado ás 19:30h.
A primeira xornada de competición (venres 14 de xuño) estará composta por tres tramos cronometrados a dobre pasada: Barbadás (16:30 e 20:15h.), Taboadela (17:10 e 20:55h.) e A Merca-Celanova (17:55 e 21:40h.) pechando a primeira etapa da cita puntuable para o Super Campionato de España de Rallys. Coma sempre a zona de asistencia e dirección de carreira estará en Expourense. Para o sábado 15 de xuño, segunda e última xornada de competición, están previstos outros catro tramos a dobre pasada: Castro de Beiro (09:45 e 15h.), Amoeiro (10:05 e 15:20h.), Castrelo de Miño-Cartelle (10:55 e 16:10h.) e Toén (11:55 e 16:10h.) que marcará o final desta edición na que se espera moita calidade.