DeportesÚltima hora

O 75% da poboación galega ten alomenos un club de atletismo no seu concello

O ano 2021 rexistraba un récord histórico de 10.142 licenzas (4.506 mulleres e 5.636 homes) en Galicia

Publicidade

 

Dende a Federación Galega de Atletismo (FGA) destacan que son moitos os clubs galegos que nos últimos anos se están a ver na obriga de colgar o cartel de “non hai prazas dispoñibles” como consecuencia da gran demanda existente principalmente nas categorías base e máster.

“Este importante incremento de licenzas vense producindo de maneira moi significativa nos últimos cinco anos, malia que sería a partir do ano 2009 cando daba comezo esta progresión que fixo que se pechara o ano 2021 cun récord histórico de 10.142 licenzas (4.506 mulleres e 5.636 homes)”, matiza a FGA.

Todo este medre obrigou a un considerable incremento de recursos e medios que trouxo consigo a lóxica aparición dun importante número de novos clubs cuxa tarefa consistiría, ademáis da promoción e dinamización, na atención e acollida de todas esas novas solicitudes. Produto disto foi o espectacular medre no estamento de clubs cuxo número na tempada do 2021 pasaba xa das 150 entidades.

O aumento tanto do número de atletas como de clubs, “evidencia un salientable grao de evolución do atletismo galego que consigue con estos índices que o 75% da poboación galega teña polo menos un club de atletismo no seu concello de residencia. É de salientar o avance producido nos últimos anos xa que tan só no ano 2018 a cifra era dun 65%, dez puntos menos”, indica a federación.

A importancia do pedestrismo

Capítulo especial merece o apartado do pedestrismo xa que o auxe desta modalidade en Galicia (cabe reseñar que de media nos últimos anos se están a producir un total de 65.000 licenzas de día) está favorecendo que se produza un importante e interesante “movemento” dos seus practicantes que nunha porcentaxe destacada, mudan a súa condición de popular pola de atleta federado na procura de ampliar a oferta competitiva e poder tomar parte nas probas federadas de campo a través, trail ou pista.

En cifras, o maior número de altas rexistradas no 2021 corresponderon á categoría máster con 1.911 fichas tramitadas sendo a Sub10 con 1.444 quen ocupa o segundo lugar da relación. Pola súa contra a categoría Sub23 con 268 é a que representa un menor medre do número de licenzas.

Artigos relacionados

Back to top button