CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O acordeonista vasco Kepa Junkera será homenaxeado no Festival de Cans, en maio

Colocarase unha placa co seu nome no "Jaliñeiro" e o músico estará acompañado por moitos amigos músicos e artistas que o festival convidará para a ocasión

Kepa Junkera, tocando no Castiñeiro de Pombariños (Manzaneda)./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Festival de Cans, cuxa XXI edición terá lugar do 21 ao 25 de maio nesta aldea de O Porriño, tributará este ano unha homenaxe ao acordeonista vasco Kepa Junkera e faráo dun xeito singular: bautizando o histórico espazo do Jaliñeiro co seu nome. Junkera converterase deste xeito no primeiro músico do mundo que teña un galiñeiro no seu honor.

“Cans quere recoñecer deste xeito o impacto e a dimensión deste músico extraordinario ao que un ictus sufrido en Bélxica en 2018, obrigouno a abandonar os escenarios. Junkera foi un dos artífices de darlle á música tradicional unha proxeción universal, a partir do xeito virtuoso de tocar a súa trikitritxa”, destacan os organizadores do festival. Deste xeito, Kepa Junkera regresará a Cans dez anos despois da súa actuación memorable no Jaliñeiro no ano 2014, onde centenares de persoas o aclamaron polos camiños da aldea, antes de entrar neste espazo emblemático. Aquela foi unha das tardes máis emocionantes da historia do certame. O músico vasco presentou en Cans o seu disco “Galiza”, que lanzara uns meses antes, e convidou ao histórico acordeonista da Costa da Morte Pazos de Merexo, que naquel momento contaba con 86 anos e falecería pouco tempo despois.

“Aquela actuación deulle un aura máxica ao Jaliñeiro, onde o festival programou actuacións vinculadas a proxecións de cinema durante dez anos, desde 2008 ata 2017. O público de Cans gravou na súa memoria actuacións únicas neste espazo, de artistas como Iván Ferreiro, Coque Malla, Mercedes Peón e Janet Novás, Uxía, Radio Océano ou os Diplomáticos”, indica a organización do certame. O tributo a Kepa Junkera completarase coa colocación dunha placa co seu nome no galiñeiro e coa presenza de moitos amigos músicos e artistas que o festival convidará para a ocasión, onde se prepara unha festa para o final do día.

Junkera, que agora precisa moverse nunha cadeira de rodas, ten previsto desprazarse a Cans, onde tamén asistirá á estrea de dúas pezas audiovisuais inéditas feitas en Galicia. Unha son os inicios do proxecto documental “De Kepa a Pazos” da realizadora Susana Sotelo, e a outra “Jaliñeiro K”, de Martín Rodríguez, sobre o seu paso polo festival hai dez anos. O festival tamén programará o emocionante documental “Berpiztu” de Fermín Aio, onde o propio Kepa, a súa familia e amigos contan por vez primeira como se enfronta a unha nova vida sen poder subir aos escenarios.

Últimos días para inscribir as curtas a concurso

O Festival de Cans ten nestes momentos aberto o prazo para inscribir curtas, videoclips e filmes a concurso para as creadoras e creadores que o desexen. Agora meso só restan doce días para facer as inscripcións, cuxo prazo rematará o domingo 3 de marzo. Pode facerse de xeito gratuito en www.festivaldecans.gal, a web do certame. Polo de agora, hai un moi bo ritmo de obras inscritas, a maioría delas dun excelente nivel. O Festival de Cans rebasará nesta edición por vez primeira os 12.000 euros en premios entre as obras participantes.

Artigos relacionados

Back to top button