
Alberte Montes, actor e humorista galego-catalán, chegaba este mércores 10 de agosto a Compostela para iniciar unha ‘xira exprés’ con actuacións en catro localidades galegas, tres delas na provincia de Ourense.
A primeira, esta noite, levarao ao Concello de Merca para sementar de risas o Campo da Festa de Zarracós. Os anfitrións, a Asociación Veciñal de Zarracós, tíñano contratado para agosto de 2020 e por mor da pandemia non puido ser ata este ano cando por fin poidan contar con el nas xornadas culturais e festivas que organizan.
Mañá xoves 11 de agosto a intervención de Alberte será na Pobra de Trives, concretamente na praza Doutor Paz ás 22horas, e o venres 12 tocará cambio de provincia para chegar a Terras do Incio. Neste caso a actuación será na terraza do Hotel Rural Hermida, dentro do seu ciclo ‘Solpor Hermida’ que fai posible acompañar o goce dos seus fermosos solpores con actuacións en vivo.
Como remate de xira, participará nas ‘Noites de Florencio’ en Córgomo o sábado 13 de agosto. Este ciclo cultural, organizado polo proxecto de dinamización cultural valdeorrés ‘As letras de Florencio’, ten como obxectivo lembrar a figura de Florencio Delgado Gurriarán con diferentes actividades.
Os monólogos de Alberte Montes caracterízanse pola súa singular visión da realidade, sendo famosas as súas Albertadas; e tamén por amosar o xeito de ser dos galegos coas súas virtudes e os seus defectos. Neste senso, o recurso dos tópicos ten un obxectivo, non desmontalos nin erradicalos, senon transformalos e cargalos de valor. “Historicamente teñen empregado os tópicos para ridiculizarnos e mofarse de nós, feito que explicaría en parte que arrastremos algo de autoxenreira. Eses tempos foron pasando e agora xa somos quen de defendernos con orgullo dese estigma combatendo aos ignorantes, ríndonos dos propios defectos e chufando das nosas diferenzas”, afirma Alberte nun dos seus textos máis coñecido, Galego pode selo calquera.