CulturaCulturaÚltima hora

O actor e humorista Alberte Montes, de minixira pola Ribeira Sacra

Mañá actuará en Pantón e o sábado en San Xoán de Río

Alberte Montes.

 

O actor e humorista Alberte Montes, orixinario dos Anguieiros, no Concello de Quiroga, está de minixira estes días pola Ribeira Sacra, chegando aos concellos de Pantón e de San Xoán de Río para presentar o seu novo espectáculo ‘Patrón’.

Mañá, venres 9 de agosto ás 22h. estará na praza do Concello de Pantón, e o sábado día 10 ás 20h. no Centro Social de San Xoán de Río. Neste último concello chega a través do circuíto REAOU (Rede de Auditorios Provincial de Ourense) que cofinancia a Deputación de Ourense.

‘Patrón’ é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura popular galega. Ese cabeza de familia, xefe da cuadrilla, ese pureta que se cre máis e con máis poder do que en realidade ten.

Alberte, actor e sobre todo cómico, “vaise facendo maior e cre estar entrando nun proceso de “empatronamento”. Tics, manías, xeitos de facer estanlle marcando o camiño. A súa vida cambiou un chisco nos últimos tempos. Vai quedando atrás o Alberte mozo, que saía un martes e non tiña resaca o mércores, que durmía máis cas mantas ou que non tiña que preparar o IVA trimestral”, explican dende Hermanager Producións, asegurando que neste espectáculo, tamén renderá tributo ao patrón de referencia, seu pai.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button