En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Adas colleita oito medallas nun emocionante campionato galego cadete no Barco

Belén García lograba dous ouros nos 300 valados e nos 100 valados e Luán Henrique outros dous nos 100 valados e no triplo salto

“Ten sido un éxito tanto de resultados como na organización”. Deste xeito se valora dende o Club Adas a emocionante e intensa xornada de competición galega en categoría cadete que se vivía ao longo do 27 de maio nas pistas de Calabagueiros (O Barco). O club valdeorrés, que preside Tinín González, afrontaba a cita na casa con 9 atletas que disputaban un total de 15 probas, nas que conquistaban oito medallas.

Neste meritorio resultado destacaban os dous ouros de Belén García Arias nos 300 valados e nos 100 valados, logrando ademais nesta última proba batía o récord galego. Outro dous ouros acadaba Luán Henrique Silva nos 100 valados e no triplo salto, mentres Lola Bouza facíase co ouro na pértega.

Ademais Antón Vicente Polo proclamábase subcampión galego no disco (1kg) e Inés Docampo Gamarra sumaba outra prata nos 600 m, mentres que Ainara Alejandre Tato lograba un bronce no martelo (3 kg). En xeral, conseguían ademais mellorar as súas marcas. Tamén facían unha boa actuación atletas do Adas como o marchador vianés Paulo García, que se quedaba ás portas do podio cun cuarto posto nos 5.000 m marcha, e María Delgado sexta en disco e oitava en xavelina, así como Christian Prieto, noveno en peso.

Nesta cita galega, con máis de 400 participantes, lográbase ademais un récord de España. Viña da man de Antía Sestelo López, do At. Feminino Celta, que conseguía lanzar 46,93 m na xavelina. O presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, destacaba a boa organización da competición e tamén a calidade dos atletas. “Ten sido un gran campionato, temos boa saúde coa promoción, coa base, vímolo hoxe no galego cadete do Barco e onte en Ferrol co galego xuvenil”, aseguraba o responsable da federación.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.
Máis información e fotos:
https://osil.info/a-barquense-belen-garcia-campiona-galega-cadete-nos-300-valados/
https://osil.info/o-campionato-galego-cadete-de-atletismo-do-barco-en-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button