Título galego na casa. O equipo masculino do Club Adas Cupa dominaba o campionato galego Sub12 que se disputaba ao longo desta mañá de 17 de maio nas pistas de atletismo de Calabagueiros (O Barco). O conxunto barquense sumaba un total de 78 puntos, sendo o subcampionato autonómico para o Atletismo Narón (con 71 puntos) e o bronce correspondíalle a La Purísima (65,5 puntos). Eran un total de 10 os clubs masculinos participantes.
Preto do podio se quedaba o equipo feminino do Adas nesta mesma categoría, cun quinto posto na clasificación. Os mellores clubs da competición eran o Atletismo Narón (113,5 puntos), campión galego, seguido da Atlética Lucense (101) e o Beade, cunha terceira posición (96,5). En categoría feminina eran 15 os clubs que tomaban parte no autonómico.
Este campionato galego enchía de público e atletas as pistas barquenses, nun animado ambiente deportivo, no que se lograba sortear á chuvia e que se iniciaba ás 10:15h. e prolongándose ata preto das dúas da tarde. O broche era a entrega de premios.
Fotos: A.R.

