DeportesÚltima hora

O Adas do Barco colleita 7 metais en campionatos galegos Sub18, Sub20 e Sub23

 

Balance moi positivo da actuación dos atletas do Club Adas do Barco no Campionato galego  Sub18, Sub20 e Sub23 de pista cuberta que se disputaba na pasada fin de semana en Ourense. O club valdeorrés colleitaba 5 metais, dous dos cales viñan da man da Sub20 Belén García, ouro no 60 valados (0,84 m), cunha marca de 9.47; e prata nos 200 m, onde conseguía ademais a súa mellor marca persoal cun rexistro de 25.72.

Ouro tamén para Lola Bouza en pértega Sub20, cunha marca de 3.40. Ademais Marcos Flecha convertíase en subcampión galego en altura Sub18 e facía marca persoal con 1,75; mentres que Iria Taboadela conseguía a medalla de bronce  en lonxitude cun rexistro de 4.52.

Por outra banda, tamén había representación valdeorresa noutras citas galegas da pasada fin de semana, como é o caso do Campionato de Galicia de Inverno Lanzamentos Menores, celebrado o 27 de febreiro en Pontevedra. Nel Alicia Soto facíase co bronce Sub18 no lanzamento de xavelina cunha marca de 26.16.

Finalmente, no Campionato de Galicia de Inverno de 400-800-1500 Sub 20 e Sub 23, Lucía Cardesín do Adas, conquistaba o ouro Sub23 nos 800 m cunha marca de 2:37.01.

Fotos: Club Adas.

Artigos relacionados

Back to top button