PolíticaÚltima hora

O alcalde de Manzaneda, entre os ponentes dunha xornada sobre o “rural vivo en Europa”

Celebrarase o sábado 26 de maio na Casa da Cultura de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra)
O alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez./ Foto: Carlos G. Hervella.

O rural vivo é posible e, como mostra, as experiencias que se exporán no marco da xornada “Acceso aos servizos básicos: Un dereito imprescindible para un rural vivo en Europa”, que se celebrará o sábado 26 de maio na Casa da Cultura de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra). Un deses “exemplos de interese na xestión de servizos báscicos de concellos galegos e doutras partes de Europa” será o de Manzaneda. Así neste encontro o alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, será un dos ponentes, xunto a María Ángeles López, directora  do máster de Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética da Universidade de Santiago, e a Maja Gilbert, membro do Consello do Condado na rexión de Dalarma (Suecia). Será nunha intervención prevista a partires das 16:30h. O profesor na Universidade de Vigo e xornada David Formoso moderará esta parte.

O programa das xornadas incluirá ademais unha mesa que abordará “O acceso a servizos básicos como poden ser o transporte público, internet e Correos. Análise da deficiente situación actual nos concellos de Vedra e Boqueixón. Como organizarse para defendelos e recuperalos”. Nela intervirán como relatores, ademais de Lídia Senra, deputada galega no Parlamento Europeo, que tamén é veciña no concello de Vedra, o concelleiro Non Adscrito en Vedra Roberto Castro Rocamonde, e o concelleiro da Agrupación Veciñ@s de Boqueixón Xabier Canabal Fernández. María del Carmen Soutullo Carolo, concelleira en Boqueixón tamén, será a encargada de moderar o debate e de introducir esta parte da xornada.

 

Cartel da xornada.

A continuación, ás 12:30 horas, terá lugar un relatorio a cargo de Jorge Duarte, concelleiro de Santiago responsable de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda, Mobilidade e Relacións Veciñais, que explicará “O novo plan de transporte para Santiago e comarca”. A concelleira na Estrada polo Movemento Veciñal Estradense (MÓVETE), Mar Blanco Casais, será a moderadora nesta parte.

Esta xornada será organizada pola eurodeputada Lídia Senra e aberta a todas aquelas persoas que queiran participar, escoitar e intervir nos diferentes debates programados, sen necesidade de inscrición previa.

Artigos relacionados

Back to top button