ConcellosÚltima hora

O alcalde de Viana solicita unha reunión con Endesa para falar sobre a estrada de San Agostiño

O rexedor vén de remitirlle unha carta ao presidende desta empresa co fin de negociar directamente sobre este vial “para poder chegar a un acordo e dar solución a esta problemática”
O alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández.

Dende o Concello de Viana do Bolo saía na mañá do 20 de decembro unha carta asinada polo alcalde, Secundino Fernández, e dirixida ao presidente de Endesa. Nela solicítalle unha xuntanza para negociar directamente coa empresa sobre a situación da estrada de San Agostiño, “tendo en conta que a Deputación de Ourense se puxo do lado de fóra”, segundo o rexedor vianés.

Na carta comenta que a denominada estrada de San Agostiño “vai dende a capitalidade municipal, Viana do Bolo, ata a comunidade de Castela e León, en Zamora. Esta estrada foi construída nos anos 60 pola empresa eléctrica que fixo os encoros de San Sebastián e Pías e a central de San Agostiño. Esta estrada, na actualidade, ten uns tramos que son de propiedade de Endesa” que son, concretamente, “Viana do Bolo-San Agostiño, Sever-límite con Zamora, cruce da Francesa en Rubiais-Cepedelo-enlace co tramo de Sever ao límite Zamora. En total  en torno a 26 km”.

Ademais o alcalde vianés destaca a importancia actual destas comunicacións tanto dentro do concello como coa provincia de Zamora e indica que a situación destas vías “é moi deficiente pola falta de mantemento facendo que os usuarios e veciñas/os de Viana teñan que sufrir as consecuencias do estado da estrada”.

O rexedor recorda ademais na misiva que “esta alcalde entrou en contacto con Endesa e coa Deputación Provincial de Ourense para intentar solucionar a situación destas vías tan necesarias para Viana do Bolo. Esta mostra de vontade tamén se plasmou nos orzamentos municipais, sempre tendo en conta as posibilidades orzamentarias dun concello de menos de 3.000 habitantes. Pasado xa bastante tempo, parece que non avanza a resolución desta grave problema de comunicacións”.

E conclúe a súa carta indicando que, “ante esta situación, póñome en contacto con vostede co fin de solicitar unha entrevista para poder chegar a un acordo e dar solución a esta problemática”.

Artigos relacionados

Back to top button