O programa “Da Escola á Granxa”, da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, permitiu que o estudantado de 3º e 4º de primaria do CEIP de Quiroga coñecesen o proceso de reciclaxe do papel. A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) achegouse ao centro para ensinar o proceso e dar unha segunda vida ao papel dos xornais ou de material que xa non pode ser empregado.
Deste xeito, os pequenos e as pequenas coñeceron primeiro o proceso dun xeito teórico para despois avanzar e crear as súas propias follas e coñeceron todo o proceso de elaboración. A área de Rural permite, coa posta en marcha destes obradoiros de concienciación ambiental, que os máis pequenos tomen conciencia sobre o coidado e o mantemento do medio ambiente, poñendo en valor a reutilización de materiais, coma neste caso.
O deputado de Medio Rural, Daniel García, acompañou ao alumnado e destacou que “Da escola á Granxa é un programa que está tendo unha gran acollida, e só temos que ver que algúns dos nenos que participaron nesta actividade no curso pasado visitaron Caurelor e mesmo recordaban como elaborar produtos como a marmelada. Permite que se achegue, incluso os que viven no rural, ao sector primario desde unha nova perspectiva e coñecendo a importancia que ten na actividade económica, pero tamén na produción de alimentos de calidade e na fixación de poboación”
Ademais, as nenas e nenos recibiron tamén un exemplar do libro “Os Bolechas. Da Escola á Granxa”, que a área de Rural edita con Bolanda para ampliar a difusión do programa.