ConcellosO BarcoÚltima horaVídeos

O ameno e humorístico pregón de Xosé Lois González Vázquez “Carrabouxo” abre a XXII Festa do Botelo do Barco

 

Para ir abrindo boca, o xoves houbo cine e onte teatro, pero era neste sábado 20 de xaneiro cando chegaba o día grande da XXII Festa do Botelo do Barco.

 

 

Un día que arrincaba co institucional acto do pregón no Teatro Lauro Olmo (decorado cunha elegante ornamentación floral) presentado un ano máis pola polifacética Fátima Delgado, que comezaba coa música do Orfeón Valdeorrés. Na súa versión máis humorística e mesmo teatral, as voces de Valdeorras interpretaban tres pezas, entre elas o Himno do Botelo (letra de José Luis Folla Gómez e música de José Ramón Mansilla).

 

 

A música daba paso á mención de honra que nesta edición era para Concepción Moral Calvo, cociñeira e copropietario do Mesón JR 2000, pechado dende 2006. A propia Conchi recollía a mención de mans do Alcalde do Barco Alfredo García e da concelleira de Cultura Margarida Pizcueta, dando paso ao pregoeiro que resultou ser un dos clientes do Mesón e amigo dos propietarios: Xosé Lois González Vázquez, “Carrabouxo”.

 

 

Fiel á súa faceta como humorista gráfico, Xosé Lois aseguraba que ía facer un pregón para divertir á xente e así o facía, despregando toda a súa retranca galega para facer rir a un entregado público. Comezaba con referencias a temas de actualidade antes de facer un repaso polas viaxes que facía dende Ourense ata Valdeorras nos anos 80, con pinceladas dos simpáticos nomes de pobos polos que pasaba no caso de ser  traducidos ao castelán. Das súas visitas ao Barco lembrou as súas comidas no JR e como coñeceu a Pepe “un home altísimo, co que comezamos unha boa amizade entre os dos Pepes”, dixo o pregoeiro que incluso lle fixo un debuxo que hoxe gardan con moito cariño.

 

 

Tras un sinfín de chistes sobre viño e pinchos, o pregoeiro destacou o labor das mulleres detrás dunha boa cociña, así como as numerosísimas festas gastronómicas que hai en Galicia, moitas co porco como protagonista, ata chegar á do Botelo á que adicou uns versos cun novo xogo de palabras “É BO TELO”.

 

 

Entre risas e aplausos, lembrando o pasarrúas ata o pavillón para degustar a xoia gastronómica do Barco a partir das 14:30 horas, o acto remataba coas autoridades e o propio pregoeiro no escenario interpretando, a coro co público, a Canción do Botelo (letra e música de Anxo Rei). Antes, o tenente alcalde de Bembibre onde celebran o Festival do Botillo, daba as grazas polo convite, propoñendo un irmanamento entre ámbalas dúas festas.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver.

Máis información e fotos:

Concepción Moral Calvo “Conchi, do Mesón JR 2000” recolle a Mención de Honra da Festa do Botelo do Barco

Artigos relacionados

Back to top button