EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

Concepción Moral Calvo “Conchi, do Mesón JR 2000” recolle a Mención de Honra da Festa do Botelo do Barco

 

A actuación do Orfeón Valdeorrés, o pregón de Xosé Lois González Vázquez e a Mención de Honra a Concepción Moral Calvo, cociñeira e copropietaria do Mesón JR 2000, conformaron o acto institucional que na mañá deste sábado 20 de xaneiro abría a XXII Festa do Botelo do Barco.

 

 

Conchi, como a chamaba todo o mundo, foi a alma e corazón da cociña do Mesón JR 2000 que rexentou xuntou ao seu marido, Pepe, durante case trinta anos. Pechaba as portas no ano 2006 pero os seus clientes, xente de todo tipo e de diferentes partes da comarca, seguen lembrando as tapas que alí se servían. Dende as gambas al ajillo ou a lasaña, ata a zorza, os mexilóns en salsa, os morunos e por suposto as famosas molexas, exquisitos pratos elaborados con materia prima de gran calidade (sempre traballaban cos mesmos proveedores), con moito mimo e de forma caseira por Conchi e servidos polo bondadoso, traballador e alegre Pepe, que sempe tiña un sorriso para todos os que se acercaban a comer nese lugar do que desfrutaron varias xeracións e hoxe segue botándose de menos.

 

 

A aventura do JR 2000 comeza en 1980 ano en que abría as portas ao público pero a de Conchi e Pepe, ámbolos dous naturais de Éntoma (O Barco), empeza moito antes como unha bonita historia de amor, traballo e superación. José Arias comezaba a súa vida laboral no Brasil, nunha empresa de leite que pertencía a españois. Empezaba lavando os latóns pero en pouco tempo, dada a súa capacidade e sacrificio, foi ascendendo ata ser o director das seis fábricas coas que contaba a empresa. Aínda que xa eran noivos, Conchi quedara en casa e tras casar por poderes, viaxaba xunto ao seu amor co que casaba de novo, xa en Brasil, con apenas 19 anos.

 

 

Despois virían os tres fillos, Marta, José Ángel e Ricardo. A vida profesional e económica de Pepe era plena no Brasil pero Conchi era moi familiar e sempre quixo volver a casa. O amor todo o pode e tras 23 anos, os cinco volvían para Valdeorras. De novo en casa a vida presentábase complicada sen un traballo fixo ata que decidían empezar de cero abrindo o mesón no Barco de Valdeorras cun irmán e cuñada de Conchi como socios, axudando durante un par de anos. Ao principio era bar e restaurante pero era tal o nivel de traballo que non podían con todo e finalmente quedaban só co mesón.

 

 

Era un mesón familiar no que todos botaban unha man. Conchi era modista e ata ese momento adicárase en corpo e alma aos seus fillos, pero levaba a cociña no sangue (todas as mulleres súa vida eran boas cociñeiras, e un dos seus netos é Chef de alta cociña) e o traballo con alegría e enerxía. É o que se di unha cociñeira sen título que poñía todo o seu amor en cada tapa que facía no mesón, todos os días e durante moitas horas.

 

 

Ata que chegou o momento de pechar, foron moitas as horas de traballo para atender ás miles de persoas que pasaron polo JR entre eles o propio alcalde do Barco, Alfredo García.

 

 

Despois da proxección dun vídeo no que a propia Conchi facía un repaso pola súa vida no Mesón, ademais de recibir as mensaxes dos netos que están fóra, o rexedor e a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta eran os encargados de entregar o recoñecemento á homenaxeda quen, moi emocionada polo acto, deixaba á súa filla Marta o labor de dar as grazas. Nunha intervención sinxela e cargada de lembranzas, Marta Arias deu as grazas ao Concello polo recoñecemento á súa familia, tendo unha mención especial ao seu pai, falecido hai case tres anos, e aos seus irmáns cos que no seu momento montaron os locais de ocio nocturno no Barco, o Cocota e o Komité.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver

Máis información e fotos:

O ameno e humorístico pregón de Xosé Lois González Vázquez “Carrabouxo” abre a XXII Festa do Botelo do Barco

Artigos relacionados

Back to top button