En portadaÚltima hora

A 61ª Feira do Viño do Ribeiro distingue aos ganadores da cata popular

Algo máis de 200 persoas participaron no concurso no que o público final cata e premia os viños brancos e tintos das adegas e colleiteiros presentes no recinto feiral da Alameda de Ribadavia

 

Este mediodía procedíase á entrega de premios da Cata Popular desta 61ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, que se desenvolvía nesta fin de semana na Alameda de Ribadavia. Ao acto asistían o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares Gándara; o alcalde de Ribadavia, César Manuel Fernández Gil (coorganizadores do evento); o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e outras autoridades.

Na categoría de Viños Brancos de Adegas resultou galardoado co primeiro premio Alter 2023 de Priorado de Razamonde, o viño Ramón do Casar 2023, de Adega Ramón do Casar recibiu o segundo premio e na marca Catro Parroquias Godello 2023 de Adegas Loeda recaeu o terceiro premio. Pola súa banda, na categoría Viños Brancos de Colleiteiros, levou o primeiro premio Zapicos do Verea 2023 de Adegas Gómez Sanmartín. Por último, na categoría de Viños Tintos, o mellor o tinto de Colleiteiros recaeu en Viña Carpazal Selección 2022 de Cristian Rodríguez Vázquez e o mellor tinto de Adegas resultou ser Preto de Leive 2022 de Leive Ecoadega.

Doutra banda, recoñeceuse como Mellor Catador de Viños Tintos de Adegas a Luis Ramos López chegado de Pinto, Madrid, o galardón de Mellor Catador de Viños Tintos de Colleiteiros levoullo Marta Araújo Montero, veciña de Ribadavia. Na categoría de Mellor Catador de Viños Brancos de Colleiteiro premiouse a Xosé Manoel Gómez Cruz, de Moreiras, Toén e como Mellor Catador de Viños Brancos de Adega o galardoado foi Roberto Taibo Frieiro, veciño de Ribadavia. Estes premios outórganse ás persoas que máis se acheguen aos resultados finais dos viños premiados nas distintas categorías.

Na súa intervención, Juan Manuel Casares quixo felicitar ás adegas e colleiteiros así como agradecer a colaboración sempre recibida polo Concello de Ribadavia para a organización deste evento, que ano a ano vaise fortalecendo máis.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sumouse ás felicitacións para adegueiros e colleiteiros e agradeceu tamén o traballo dos voluntarios incansables na feira, así como o saber estar de todos os visitantes que fan deste evento algo moi grande.

 

 

 

Cata Popular na Igrexa da Madalena (Barrio Xudeu Ribadavia). Venres e sábado

Esta actividade, xestionada polo C.R.D.Ou. Ribeiro, está dirixida ao público final, que é o que cata e premia os mellores viños da feira segundo o seu propio criterio. Do total das 35 marcas presentadas a concurso (15 viños brancos de adegas, 8 brancos de colleiteiros, 7 viños tintos de adegas e 5 tintos de colleiteiros) son valoradas en cata a cegas, é dicir, sen coñecer a marca do viño que se está probando.

Artigos relacionados

Back to top button