
O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) prepara a súa 21ª edición, que se celebrará do 28 de outubro ao 5 de novembro. E faino con cambios.Na súa vindeira edición a dirección artística do certame estará e mans do asturiano Fran Gayo, programador en certames coma o FicXixón ou o BAFICI de Bos Aires, ao que chegou en 2010. Gayo asume agora o reto de contaxiarlle ao público de Ourense a súa curiosidade polas novas tendencias cinematográficas do concerto internacional, especialmente do ámbito iberoamericano, sobre o que se porá o foco na presente edición do OUFF.
Deste xeito, o novo director farase cargo do deseño do festival e do rumbo da programación, mentres que a xestión económica ou a busca de patrocinios, amais doutras tarefas administrativas, seguirá facéndose desde o departamento de Cultura do Concello de Ourense. Gayo viaxará en vindeiras datas desde Bos Aires a Ourense para tomar as rendas dun proceso que xa se iniciou coa apertura da inscrición de películas (até o 18 de agosto).