OurenseÚltima hora

O Auditorio de Verín acolle a presentación do proxecto audiovisual “A memoria da Raia”

Os refuxiados da Guerra Civil Española, a represión, o contrabando e a vinculación cultural da denominada Raia Seca son os principais puntos sobre os que xira o documental
Portada do documental.

Os refuxiados da Guerra Civil Española, a represión, o contrabando e a vinculación cultural da denominada Raia Seca son os principais puntos sobre os que xira “A memoria da raia”, o proxecto audiovisual independente  que se presenta mañá, sábado 8 de setembro ás 20h. no Auditorio Municipal de Verín.

Trátase dun traballo de Iris Justo Rodríguez e Miriam González Francisco que investiga as particularidades culturais, económicas e políticas na fronteira galego-portuguesa, que comezou a súa andadura no verán do ano 2016. Foi en Verín onde primeiro se mostrou ao público parte do proxecto mediante unha exposición fotográfica nos pasados meses de abril e maio.

O proxecto divídese en tres partes, a peza audiovisual, unha nova e máis completa exposición fotográfica e unha revista monográfica deseñada por Andrea Justo Pérez onde se recollerá moita da información que non pode ser incluída no documental debido ao formato cinematográfico. O período temporal escollido foi a partir do inicio da Guerra Civil Española.

A premisa da que parte este proxecto é a unidade cultural dos territorios que constitúen a Raia Seca a pesares de ter sido divididos historicamente a través da fronteira entre Galicia e Portugal. Os grandes acontecementos históricos que se sucederon no Estado Español e Portugués tiveron a súa versión particular nesta zona, é aquí onde radica a importancia de documentala. A idea é indagar sobre a historia particular da Raia mediante testemuñas persoais acompañadas investigacións académicas de persoeiros como Xerardo Dasairas e Paula Godinho entre outros. A historia testemuñal dos protagonistas que viviron esta época de primeira man estará tamén enriquecida cos textos dos escritories raianos como Ferreira de Castro, Silvio Santiago (Vilardevós), Bento da Cruz (Montalegre) e Antonio Fernández Pérez (Rabal).

 

Artigos relacionados

Back to top button