CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O Barco, A Rúa, Trives, Viana e Manzaneda, entre as paradas das XXXVII Xornadas de Folclore

Este festival percorrerá a provincia do 8 e o 18 de agosto e contará con grupos de Angola, Costa de Marfil, Indonesia, Colombia, Chile e México

Xornadas de Folclore na Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

As Xornadas de Folclore regresan á provincia de Ourense, organizadas pola Deputación e o Centro Cultural Xaquín Lorenzo co apoio da Xunta e con datas na capital e nas vilas entre o 8 e o 17 de agosto. “Esta é a cita cultural do verán de máis envergadura, máis intensa e máis esperada polos ourensáns”, resaltou o vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, na presentación da XXXVII edición destas xornadas, que se celebran de xeito ininterrompido dende 1984 salvo os dous anos de parón obrigado -2020 e 2021- polas restricións derivadas da pandemia.

Esta edición do festival folclórico destaca especialmente pola variedade de música tradicional que se poderá contemplar, xa que os grupos participantes proveñen de puntos moi afastados entre si, converténdose Ourense, durante estas xornadas, no punto de encontro de distintas culturas, bailes e ritmos, acollendo a 200 persoas entre artistas e equipo técnico.

Dende Angola chega a Ourense o grupo Ballet Himalaya; Costa de Marfil estará representada neste festival pola Compagnie Artistique Mien-Moh; dende Chile chega o grupo de Ballet Folclórico Municipal de Rancagua; Colombia, pola súa banda, estará presente no festival grazas á Compañía Internacional de Danza Paipa; e dende Indonesia chega o grupo Liga Tari Mahasiswa Kridabudaya.  México tamén estará presente no festival a través do grupo de Ballet Folklórico do Instituto Tecnológico de Celaya.

 

Xornadas de Folclore no Barco./ Foto: A.R.

 

Unhas xornadas que percorrerán a provincia de Ourense

Os diferentes grupos folclóricos percorreran durante os vindeiros días diferentes localidades da provincia, achegando así os bailes e músicas tradicionais dos seus países de orixe a todos os ourensáns. O punto de partida dos diferentes grupos será a capital provincial, onde o luns, 8 de agosto, terá lugar a cerimonia de apertura do festival no Teatro Principal as 20:30 horas.

O martes 9 de agosto, os grupos de Costa de Marfil, Indonesia e Chile estarán en Bande, onde ás 20:30 horas realizarán unha actuación folclórica. Pola súa banda, o resto de grupos visitarán A Rúa, onde mostrarán a música tradicional do seus países as 20:30 no parque do Aguillón.

Celanova recibirá ó día seguinte, mércores 10, aos grupos de Angola, Colombia e México, que actuarán as 20:30 horas no claustro do mosteiro. Dúas horas despois, os artistas de Costa de Marfil, Indonesia e Chile sairán ó escenario na localidade do Carballiño.

O xoves será turno para Allariz (os grupos procedentes de Costa de Marfil, Indonesia e Chile estarán dende as 22:30 horas no Campo da Barreira) e Maceda (as compañías de Angola, Colombia e México, dende as 22:30 horas no patio do colexio).

 

Presentación das XXXVII Xornadas de Folclore.

 

Xa na xornada do venres, os grupos Compagnie Artistique Mien-Moh, Liga Tari Mahasiswa Kridabudaya e o grupo de Ballet Folclórico Municipal de Rancagua mostrarán as súas tradicións musicais no patio do colexio de Manzaneda, ás 22:30 horas. E a Compañía Internacional de Danza Paipa, o Ballet Himalaya e o Ballet Folklórico Instituto Tecnológico de Celaya realizarán o propio á mesma hora na Praza do Prado, en Castro Caldelas.

Viana do Bolo e Entrimo recibirán o sábado 13 os artistas: na primeira localidade, estarán os grupos de Costa de Marfil, Indonesia e Chile -22:30 horas, na Praza Maior-, e na segunda actuarán Angola Colombia e México -20:30 horas, Alameda-.

Na xornada do domingo, Xinzo acollerá un desfile dos grupos procedentes de Costa de Marfil, Indonesia e Chile, que partirá ás 20 horas dende a rúa Toural ata a praza de Carlos Casares, onde as 20:30 horas terá lugar o festival folclórico. Durante este día, Trives tamén poderá desfrutar deste evento, xa que ás 22:30 horas, no patio do colexio de Santa Leonor, terá lugar a actuación dos artistas de Angola, Colombia e México.

O día 15 de agosto, ás 22:30 horas, en Verín e O Barco de Valdeorras terán lugar as actuacións folclóricas dos grupos participantes neste festival. Para o martes 16 de agosto, o protagonismo recaerá de novo na capital provincial, onde todos os grupos participantes percorrerán dende as 22:30 horas o núcleo histórico da cidade, partindo dende o parque de San Lázaro e rematando na Praza Maior, cunha actuación conxunta a partir das 23 horas.

E como fin de festa, o mércores 17, no auditorio do Castelo de Ribadavia, todos os grupos darán peche ao festival cunha actuación que porá, dende as 23 horas, punto e final ás XXXVII Xornadas de Folclore.

Artigos relacionados

Back to top button