ConcellosÚltima hora

O Barco abre o prazo de presetanción de propostas para a revitalización do Salgueiral

A partir do 28 de febreiro e durante un mes poderán realizarse suxestións a través da páxina web do Concello

Imaxe da área recreativa do Salgueiral (O Barco)./ Foto: A.R.

 

O Concello do Barco abrirá o 28 de febreiro un prazo de presentación de suxestións para a realización dun proxecto de revitalización e posta en valor da área recreativa do Salgueiral. A súa intención é “lograr que esta ampla zona natural situada na marxe esquerda do río Sil se converta nun espazo masivamente utilizado polos habitantes do Barco para a realización de actividades deportivas, recreativas e lúdicas. Por iso, e co obxectivo de que o proxecto que finalmente se desenvolva sexa do agrado da maioría da cidadanía, convidamos a participar con ideas, suxestións e iniciativas para a remodelación integral do Salgueiral”, segundo o Concello.

Ademais a administración local lembra que a “totalidade dos terreos do Salgueiral forman parte do dominio público do leito do río, e polo tanto trátase dun espazo inundable. Isto quere dicir que as suxestións que se realicen, así como as futuras actuacións, deberán ter en conta esta circunstancia, especialmente no relativo a calquera tipo de construción ou instalación”.

As propostas poden presentarse a través da páxina web do Concello do Barco (http://www.concellodobarco.org) nun prazo dun mes a contar dende o xa citado 28 de febreiro. “Todas as propostas serán estudadas e postas en coñecemento dos técnicos que elaborarán o proxecto definitivo que finalmente se desenvolva, e que será o máis adecuado para lograr un mellor aproveitamento do espazo natural do Salgueiral”, segundo o Concello.

 

Artigos relacionados

Back to top button