Dende a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de convocarse varias prazas para obter a Certificación Galega en Competencias Dixitais en Ofimática (CODIX). Esta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia o 14 de outubro, está aberta aos cidadáns en xeral que, pola súa experiencia ou pola formación adquirida por diferentes medios, xa posúen os coñecementos necesarios no manexo das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» baixo o paquete de LibreOffice, pero non teñen titulación.
As probas celebraránse os días 11, 12 e 13 de novembro, en diversas quendas de mañá e tarde, nas localidades con aula CeMIT. No caso do Barco, o examen será o 12 de novembro ás 10h. na Aula CeMIT (Edificio Multiusos, segundo andar), e hai en total 6 prazas. A inscrición, cuxo prazo remata o día 21, poderá realizarse a través de internet, sendo o único requisito o de ser usuario/a da rede CeMIT, trámite que tamén pode realizarse a través da rede (https://cemit.xunta.gal).
Entre as persoas inscritas (no caso de que se superara o número de prazas convocadas) farase un sorteo alfabético para establecer a orde de prelación para poder efectuar a matrícula para as probas en cada quenda.
Para obter o CODIX é preciso superar un exame de 50 preguntas tipo test referidas aos contidos do Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer.
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc
Os materiais formativos que compoñen estes cursos, segundo informa a Amtega, foron elaborados seguindo as boas prácticas recollidas na “Guía de boas prácticas para a publicación de obras documentais” da Xunta de Galicia e poden ser seguidos libremente na súa modalidade de autoformación dentro da plataforma de teleformación da rede CeMIT cemit.xunta.gal/ema, na que se poden consultar tanto os contidos específicos dos diversos módulos que compeñen o CODIX como casos prácticos e test de exemplo.