“Camiño ao Inverno”, nunha clara homenaxe á ruta xacobea que pasa por Valdeorras, será o título da vindeira edición da Pasarela O Barco de Moda, unha iniciativa promovida polo Barco Centro Comercial Aberto (CCA) e que se celebrará o vindeiro venres 20 de setembro ás 21h. na praza do Concello barquense.
O desfile contará como “mestre de cerimonias” co actor barquense Christian Escuredo e nel participarán unha vintena de establecementos barquenses: Miranda X, Baamonde, Ana Óptica, Can-Can, Hache, o Periódico O SIL, Librería Murciego, Pizpireta, Nº 37, Garoba, Chuches Ale, Estética Pamen, Dulce Bebé, Multiópticas Valdeorras, Costuritas, Koki, Casabella e Pili Prenda.
Así o anunciaba a presidenta do Barco CCA, Sandra Moldes, durante a rolda de prensa celebrada neste mércores 11 de setembro para presentar a pasarela. Xunto a ela estaba a coordinadora da pasarela, Diana Ortiz, e a vicepresidenta da entidade, María Ángeles Rodríguez, quen engadía que “Ana de la Puente será a escargada de maquillar aos modelos e o peiteado correrá a cargo de Peluquería Margot. Estamos tamén en contacto co IES Lauro Olmo para saber se podemos contar con eles en canto a perruquería se refire. Pola súa banda, Perfumería e Droguería Damas-Escuredo vestirá a pasarela”.
Pola alfombra, que nesta ocasión será negra, desfilarán arredor de 40 modelos infantís e 50 adultos, saídos do casting celebrado o pasado xoves. “Temos que dicir que a colaboración que recibimos, tanto das diferentes asociacións, como de Diana Ortiz, voluntarios ou das persoas que se presentaron aos castings e as que desfilarán, é totalmente desinteresada, o que engade máis valor, se cabe, á axuda que nos están prestando. Tamén debemos recalcar que a pasarela é completamente amateur, tanto a nivel organizativo como enriba da pasarela”, matizaban a presidenta do Barco CCA e a coordinadora da pasarela, Diana Ortiz.
Nesta presentación as responsables do CCA estaban acompañadas ademais polo presidente da Cruz Vermella, Maximino Alonso; pola presidenta de Asfaval, Amelia Blanco; e pola presidenta e vicepresidenta da Asociación Amigos do Camiño por Valdeorras, Asunción Arias e Felicidad Pérez, respectivamente.
Estas entidades colaborarán de diversa forma no evento. Así A Cruz Vermella Valdeorras contribúe con voluntarios que axudarán o día da pasarela e con parte da decoración da mesma (realizada por cativos do seu campamento de verán); Asfaval aportará varios modelos que desfilarán e Protección Civil Civil do Barco axudará “organizando aos espectadores para que, dunha maneira ordeada, vaian ocupando os seus asentos”, indicaba Sandra Moldes.
Finalmente, as asociacións participantes amosaban a súa satisfacción por colaborar neste proxecto, mentres Asfaval destaca a ilusión dos seus modelos por participar.
Fotos: A.R.
Máis información:
https://osil.info/christian-escuredo-sintome-moi-orgulloso-de-que-na-mina-vila-se-leven-a-cabo-iniciativas-como-este-desfile-para-involucrar-a-toda-a-poboacion/