En portadaÚltima hora

O Barco CCA, no X Congreso Internacional de Cascos Históricos en Santiago

Este encontro, organizado por Compostela Monumental, ten como título "Motores do ocio, comercio e turismo de Europa"

 

Máis de 110 organizacións chegadas desde distintos puntos do mundo participan en Santiago no X Congreso Internacional de Cascos Históricos “Motores do ocio, comercio e turismo de Europa”, cuxo programa se desenvolve na Hospedería San Martín Pinario. Neste encontro participaban membros da directiva do Barco Centro Comercial Aberto (CCA).

O congreso, organizado pola asociación de comerciantes Compostela Monumental, contaba no acto inaugural coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto ao director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia.

Durante a presentación, a directora de Turismo de Galicia, puxo en valor a importancia deste tipo de iniciativas para a imaxe da nosa Comunidade, xa que favorece a visión da mesma como un destino acolledor e de calidade, onde se pode desfrutar de accións e eventos culturais e formativos de gran importancia.

Neste senso, Nava Castro destacou as boas cifras turísticas acadadas ata o momento, sinalando que este éxito vén da man do esforzo de todos os sectores da Comunidade para ofertar uns servizos de calidade así como unha oferta diferenciada e única.

Pola súa banda, o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, foi o encargado de moderar unha mesa redonda sobre os Premios Nacionais de Comercio, na que participaron representantes de asociacións comerciais distinguidas nestes galardóns e na que se puxo de relevo o papel do comercio de proximidade na dinamización das vilas e cidades, e de xeito especial nos cascos históricos.

Ao longo da xornada presentábase o proxecto COCAHI Comunica, os Premios Nacionais de Comercio, abordábase a situación dos centros comerciais a ceo aberto, experiencias como a do BID de Zaragoza Centro, a iniciativa correos market ou experiencias internacionais na promoción dos centros históricos comerciais, entre outras cuestións.

Imaxes cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button