“Papá ti es o máis grande”. É o lema da campaña que O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) vén de poñer en marcha de cara á celebración do Día do Pai. Nela as persoas que se acheguen a realizar as súas compras aos establecementos asociados ao CCA entre os días 13 e 19 de marzo recibirán tarxetas coas que entrarán ao sorteo de dúas estadías para tres persoas (dous adultos e un neno) no entorno natural do municipio valdeorrés da Veiga, un dos escasos destinos Starlight (de turismo astronómico), existentes no mundo, segundo explicaba a presidenta do Barco CCA, Sandra Moldes.
Estas estadías inclúen “o aloxamento dunha noite en réxime de pensión completa, máis dúas actividades, unha dedicada aos ceos de Trevinca e unha ruta 4×4 polas lagoas glaciares e o Bidueiral de Xares”, matizaba a vicepresidenta do CCA, Ángeles Rodríguez Pérez.
Os usuarios deberán cubrir co nome e número de teléfono esas tarxetas, que deberán estar seladas, e entregalas. O día 23 de marzo procederase a efectuar o sorteo e farase público o nome dos afortunados.
As bases do concurso poderán consultarse nas oficinas do CCA ou na web: http://obarcoccaberto.com
Fotos: A.R.