ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Barco celebra o Día da Muller adicándolle unha praza a Clara Campoamor

Descubríase unha placa co seu nome na praza dos Xulgados e tiña lugar un acto público coa intervención de mulleres do ámbito da xudicatura

“Nin flores, nin bombóns, querémonos vivas”. Era a frase coa que se abría e se pechaba o acto do Día da Muller no Barco. Pronunciábaa a xornalista barquense Diana Ramos, que exercía como presentadora nunha conmemoración que tiña como protagonista principal a figura da madrileña Clara Campoamor, política e avogada, á quen o Concello do Barco lle vén de adicar a praza dos xulgados, onde tiña lugar este acto.

Tamén tomaban a palabra outras tres mulleres do mundo da xudicatura. A primeira delas era Nuria Valladares, xuíza do Barco, quen destacaba que Clara Campoamor “era unha defensora dos dereitos da muller e da igualdade e que grazas a súa loita conseguiuse a implantación do sufraxio feminino no noso país”. Ademais abordaba o papel da muller na carreira xudicial, “un dos tres poderes do Estado”.

A continuación podía escoitarse á notaria do Barco, Gabriela Marqués, quen comentaba que “moito ten cambiado o papel da muller na administración dende os tempos de Clara Campoamor e tamén dentro da miña profesión, a de notaria”. E lembraba que as primeiras mulleres que accederon ao traballo na administración facíano en 1880 ao servizo de Correos.

Finalmente interviña a procuradora María José Fidalgo, quen trazaba unha semblanza de Clara Campoamor, incidindo no seu tesón e labor de cara a lograr o voto feminino e o que iso supuxo na súa traxectoria política e vital, xa que tivo exiliarse. O acto continuaba co descubrimento da placa na praza que a partires de agora levará o nome desta política.

O broche musical do acto poñíano o grupo de técnica vocal da Escola de Música do Barco que interpretaban tres pezas, a primeira das cales era “A Violetera”.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button