Unha vez recuperada a normalidade sanitaria, cunha importante reactivación no apartado cultural, deportivo e lúdico na comarca de Valdeorras, O Barco retomaba a celebración das festas na honra a Santa Rita, unha das santas que máis devoción esperta dentro e fóra da vila.
O programa comezaba o venres 20 de maio co espectáculo ‘A cazola de Lola’ para os máis pequenos da casa no Teatro Lauro Olmo, a cargo de Tanxarina Títeres; e o baile a cargo do grupo Montreal no campo da festa. Onte tocáballe o turno á orquestra Los Player’s e o inicio do 14º Gran Premio Vila do Barco de tiro ao prato no campo de fútbol de Vilariño (tirada con robot).
E hoxe domingo 22 de maio, día grande das festas, o apartado relixioso comezaba con misas cada hora dende as oito da da mañá ata o momento dun dos actos máis esperados polos fieis, despois de dous anos sen celebrarse: a procesión coa imaxe de Santa Rita, co acompañamento musical da Banda de Gaitas da Veiga, os sacerdotes, os bispo de Astorga e multitude de devotos, moitos deles levando as tradicionais rosas na honra da santa. A continuación tiña lugar a misa concelebrada na igrexa de Santa Rita presidida polo bispo de Astorga, monseñor Jesús Fernández.
Nesta xornada, a última do programa, continuará o torneo de tiro ao prato e o broche musical ás festas poráo a orquestra Miramar que actuará en sesión de tarde e verbena, no campo da festa.
Mañá luns 23 de maio e festivo local no Barco, será o ‘Día do Neno’ con atraccións a metade de prezo.
Fotos: Carlos G. Hervella.