Preto de vinte actividades de dinamización comercial desenvolvíanse ao longo do 2021 no Barco Centro Comercial Aberto (CCA). Unha liña de traballo pola que se pretende continuar, incorporando novidades, pero tamén mantendo campañas dirixidas a todos e cada un dos sectores de actividade que forman parte da asociación. Así o aseguraba o seu presidente, Jacobo Arias, na asemblea anual que esta entidade celebraba na tardiña do 30 de setembro no Casino do Barco.
Nela aprobábanse puntos como as novas afiliacións (un total de 8), as contas do 2021, a previsión de orzamento para o 2022 ou a memoria de actividades do pasado ano, con campañas que comezaban no mes de xaneiro con Rebaixas de Inverno, continuaban co lanzamento xunto co Concello do Barco e AEVA da tarxeta “Máis Barco” e proseguían ao longo do ano coa celebración dos Días do Pai e da Nai, coa participación nos Maios, coa campaña das Letras Galegas, a Noite Branca, o Barcoulet, ou a campaña de Nadal.
Ademais o CCA participaba, un ano máis, na campaña “Días Azuis do Comercio Galego” da Xunta e mantiña colaboración coa Cruz Vermella Valdeorras a través dunha campaña de reparto de bolsas de tea entre os comercios asociados e de vasos de cartón reciclado entre a hostalaría do CCA.
Por outra banda, o presidente do Barco CCA adiantaba que nas próximas semanas desenvolverase un novo proxecto de dinamización comercial contanco coa colaboración económica do Inorde.
A asemblea pechábase cun viño de Valdeorras, acompañado de petiscos.
Fotos: Carlos G. Hervella.