Entre o 11 de outubro e o 10 de decembro celébranse as Xornadas Gastronómicas do Bierzo que este ano cumpren 40 anos. Unha destacada data que dende o Consejo Comarcal conmemoran con novidades no programa como a edición dun folleto especial, a incorporación dun restaurante en Madrid e a presentación no Barco de Valdeorras.
Co principal obxectivo de “estreitar lazos entre as dúas comarcas veciñas e iniciar unha colaboración habitual entre o Consejo Comarcal e o Concello do Barco, na mañá deste venres 18 de outubro tiña lugar a presentación no salón de actos do Edificio Multiusos. Un acto que contou coa presenza da concelleira de Turismo do Barco, Alba Rodríguez San Martín; da consejera de Turismo do Consejo Comarcal del Bierzo, Cristina Pérez San Miguel; do presidente do Consejo Comarcal del Bierzo, Olegario Ramón Fernández; e do alcalde do Barco, Alfredo García que exercía de anfitrión.
A concelleira de Turismo do Barco adiantaba que cando chegue o momento presentarán as Xornadas do Botelo e do Cocido Valdeorrés no Bierzo, mentres que o alcalde explicaba que “Valdeorras e O Bierzo teñen pendente vivir de cara un a outro e xuntar sinerxias pois son moitas máis as cousas que non unen que as que nos separan”, de aí a presentación de hoxe, adiantando tamén que a idea é “levar xente do Barco ata a comarca veciña nestas xornadas e traer xente do Bierzo ao Barco nas nosas”, e non só clientes senón tamén restaurantes.
De feito nas Xornadas Gastronómicas do Bierzo participa o Pazo do Castro, un dos 25 restaurantes que forman o circuíto nesta 40ª edición que, coma sempre, xira en torno aos sete produtos estrela con selo de calidade: o viño, a mazá Reineta, o botillo, o pemento asado, a pera Conferencia, a cereixa e a castaña, “de xeito que os menús de todos os establecementos participantes teñen que promocionalos”, explicou o presidente do Consejo Comarcal.
Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.