ConcellosÚltima hora

O Barco destina uns 130.000 euros a actos culturais e festivos do Cristo 2023

Así o aseguraba a concelleira de Cultura tras ser preguntada no pleno polo BNG

 

Entre os asuntos que se abordaban na sesión plenaria de setembro, celebrada esta tarde pola Corporación barquense, estaban as Festas do Cristo 2023. Así a concelleira do BNG Noa Fernández preguntáballe ao equipo de goberno socialista polo orzamento que se destinará a estes festexos neste ano.

“Levamos oito anos nos que vimos destinando uns 130.000 euros en cuestións culturais e festivas. O alumeado festivo vai nunha partida diferente, xunto coas luces de Nadal, dun total de 30.000 euros sen IVE”, explicaba a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta. Tamén lle preguntaba a edil nacionalista polo custe da contratación da orquestra Panorama, ao que Pizcuesta respostaba que “non chega a 15.000 euros, penso que fixemos unha negociación axeitada”.

Por outra banda, dous concelleiros do PP, Antonio Melo, e Manuel Núñez “Noli” preguntaban ao grupo de goberno local polo plan de emerxencia dos fogos artificiais. Ante isto, a concelleira de Cultura aseguraba que se lle presentou inicialmente ese plan no mes de abril na Subdelegación do Goberno en Ourense e que dende entón recibiron varios requerimentos, o último deles onte, ante os que foron enviando as modificacións pertinentes. “Isto é algo habitual”, engadía o alcalde, quen se amosaba convencido de que esa autorización ía chegar e que novamente O Barco ía ter os seus fogos na noite do 14 de setembro.

 

 

Imaxe da sesión plenaria do Barco deste 7 de setembro.

 

Pola súa banda, Manuel Núñez interesábase pola parte relativa á prevención dun posible incendio dentro do citado plan de emerxencia polos fogos, tendo en conta que “os bombeiros están en folga e no GES Valdeorras hai dúas persoas de baixa”. O alcalde do Barco, Alfredo García, aseguraba que non plan de emerxencia remitido a Subdelegación se inclúen oito persoas entre persoal de GES e de Protección Civil, máis a Policía Local, “pero seguramente vai haber máis de oito persoas. No lugar haberá un vehículo motobomba e ademais hoxe estiven facendo xestións para poder contar con algún vehículo motobomba máis dalgún outro GES na contorna”.

Artigos relacionados

Back to top button