En portadaÚltima hora

O Barco entrará en nivel máximo de restricións

Así o vén de anunciar o presidente da Xunta, na comparecencia para dar conta das decisións do Comité Clínico

O presidente da Xunta, Alberto Núñez, na súa comparecencia.

 

“Estamos a falar dunha onda distinta de Covid, cun incremento exponencial do número de casos que se circunscribe nun 80% dos casos a menores de 40 anos” e nunha “nunha situación onde os datos son realmente preocupantes, con 12.859 casos activos en Galicia, 21 ingresos en UCI. A poboación máis afectada son os grupos de idade entre 12 e 19 e entre 19 e 29 anos. Isto supón menos danos que outras ondas”. Deste xeito iniciaba o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a súa comparecencia para dar conta das medidas acordadas onte na reunión do Comité Clínico que segue a pandemia do Covid-19 en Galicia.

Neste senso, Feijóo destacaba que “non podemos baixar a garda porque hai persoas mozas hospitalizadase tamén ingresadas en UCI e porque poden estenderse os contaxios ás persoas xa vacinadas, xa que a cobertura das vacinas non é do 100%, polo tanto “hai netos que están contaxiando aos seus pais e aos seus avós, polo que nos grupos de idade xa vacinados cuadriplouse o contaxio e hai persoas vacinadas en UCI, e mesmo algún falecemento de persoas vacinadas coa pauta completa. Hai motivos de preocupación porque se incrementa a hospitalización de xeito salientable nas últimas semanas e aumenta a taxa de positividade. Moitos meses estivemos por baixo do 5% de positividade e agora rondamos o 10%”.

“Estas son as razóns”, dicía Feijóo, “polas que estamos preocupados e polas que imos adoptar unha serie de medidas, ademais os cálculos do comité clínico tamén nos preocupan xa que, de manterse estas taxas actuais, nos próximos 15 días superaríamos os 400 pacientes hospitalizados e os 100 na UCI”.

Ante esta situación o presidente da Xunta indicaba que “temos que seguir actuando e un modo de facelo é a vacinación”. Neste senso, apuntaba que “temos un problema de abastecemento de vacinas importante, tivemos que diminuír o ritmo, necesitamos máis vacinas e imos seguir reclamándoas porque é a única medida útil para loitar contra a pandemia”.

Ademais anunciaba os cambios de nivel de restricións nos concellos. Sete concellos galegos pasarán a nivel máximo de restricións: O Barco, Cambados, A Pobra, Boiro, Sanxenxo, Meaño e O Grove que representan o 3,3% da poboación. Hai outros 29 municipios que se atoparán en nivel alto: 8 na Coruña, 5 en Lugo, 4 en Ourense (Avión, Barbadás e O Carballiño, ademais da cidade de Ourense), e 12 en Pontevedra.

No caso do nivel medio entrarán, entre outros concellos, oito da provincia de Ourense: Vilamartín de Valdeorras, Beariz, Entrimo, Boborás, Maceda, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao e Ribadavia. En total serán 38 concellos galegos os que entrarán no nivel medio.

Non haberá peche perimetral e non pechará a hostalaría

Aínda así, Feijóo matizaba que non vai haber peches perimetrais, nin se vai pechar a hostalaría no nivel máximo nin no nivel medio, se ben si vai haber cambios no acceso aos locais e tamén nos aforos. Así nos concellos que entren en nivel máximo pediranse unha serie de documentos acreditativos para garantir “a seguridade no interior tanto das persoas que vaian a eses locais como do seu persoal”.

Así, o Comité Clínico decidiu esixir probas diagnósticas para acceder aos establecementos, pódense presentar tres documentos: certificado de vacinación, unha PCR negativa nas últimas 72 horas ou a certificación de ter pasado o covid. Os menores de 12 anos están exentos de presentar estes documentos.

Con esta medida tamén se establecen cambios nos aforos e non se pecharán nin terrazas nin interiores. Así en nivel máximo o aforo será do 30% en interior e do 50% en exterior. Esixirase o documento diagnóstico en ambos casos.

Nos concellos de nivel alto, o aforo será do 50% en interior e do 50% en exterior. Só será necesario presentar o certificado de vacinación ou test negativo en interior, en exterior non é obrigatorio.

Nos concellos de nivel medio e baixo medio o aforo será do 50% en interior e do 50% en exterior e non será obrigatorio presentar o certificado de vacinación ou test negativo en interior.

En canto aos locais de ocio nocturno, Feijóo subliñou que, como xa estaba previsto, deberán permanecer pechados nos niveis máximo e alto, podendo ocuparse o 50% do aforo no interior nos niveis medio e medio-baixo e quedando o 75% en terraza no medio e ao 100% no medio-baixo, sempre acreditando proba negativa nas últimas 72 horas ou estar vacinado.

Estas medidas entrarán en vigor o sábado ás 00h. 24 de xullo.

 

Limitacións nas reunións

Ademais acordábase prohibir as reunións entre non conviventes de máis de 6 personas en interior e de 10 personas en exteriores. Tamén se prohibirá a reunión nas rúas e nos domicilios entre persoas non conviventes entre a 1 e 6 da mañá nos concellos en nivel máximo e alto de restricións.

Nos concellos en nivel medio e medio-baixo quedan prohibidas as reunións entre as 3 e 6 horas da madrugada.

Esta medida, matizaba o presidente, deberá ser aprobada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa que limitan dereitos fundamentais, “polo que haberá que esperar a coñecer o seu posicionamento para que entren en vigor”.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button