CulturaCulturaÚltima hora

O Barco, entre as localidades galegas nas que se estreará o filme “Eroski Paraíso” o 13 de decembro

Escena do filme.

 

Logo do éxito colleitado como obra teatral, “Eroski Paraíso” dá agora o salto á gran pantalla da man dos directores Jorge Coira e Xesús Ron. O filme, unha produción de Chévere e Ollo Vivo, chegará este venres 13 de decembro aos cines galegos. As primeiras localidades que acollerán o filme a partir desa data serán salas como  o Teatro Lauro Olmo do Barco (poderá verse a partir do 14 de decembro ao coincidir o venres unha representación de danza), ademais de Numax (Santiago de Compostela), Duplex (Ferrol), os Multicines Norte (Vigo), Codex (Lugo), os Cines Viveiro (Viveiro) e os Cines Seixo (Marín). Nas semanas seguintes Eroski Paraíso tamén poderá verse en Caldas de Reis, A Coruña, Cee, A Rúa, As Pontes, Verín, Leiro, A Estrada ou Ribadeo.

O filme é unha comedia que explora a memoria colectiva, as voltas que dá a vida e a transformación das relacións nunha comunidade pequena. Baséase en historias reais que sucederon no Paraíso, unha famosa sala de festas de Muros que pechou en 1990 e que, ao cabo dos anos foi convertida nun supermercado Eroski.

Na película nárrase a historia de Álex (Cris Iglesias), unha nova cineasta, que decide facer un filme sobre a historia dos seus pais. Eva (Patricia de Lorenzo) e Antonio (Miguel de Lira) coñecéronse na citada sala de festas Paraíso en 1989, casaron e tiveron unha filla. Agora están divorciados, levan anos sen verse e a antiga discoteca onde se coñeceron é un supermercado Eroski.

Eroski Paraíso naceu como unha obra de teatro creada pola compañía Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014) que, despois dunha xira de varios anos por España e de máis de 30.000 espectadores, os directores Jorge Coira e Xesús Ron deciden converter en longametraxe.

 

Artigos relacionados

Back to top button