En portadaenBarcArteÚltima hora

O Barco, escenario do 2º Festival de Instalacións Artísticas do 7 ao 29 de setembro

Esta iniciativa, coordinada por Jorge Barredo co apoio da Concellería de Cultura do Barco, incluirá nove instalacións (oito delas na rúa) e unha exposición colectiva na Sala Abanca

 

A creación máis fresca e emerxente tomará as rúas e prazas do Barco entre o 7 e o 29 de setembro no marco do 2º enBarcArte, Festival de Instalacións Artísticas no contexto urbano. Nesta nova edición a iniciativa amplía o seu número de autores (ata un total de 19) e de obras e reforza a presenza valdeorresa (con dez creadores da comarca). Así o destacaban a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, e o curador do festival e tamén artista, Jorge Barredo, na presentación do programa do 2019.

“Este festival rompeu un pouco o ano pasado o que foi a dinámica das rúas do Barco a través da arte. O que se busca con el é dar a oportunidade tanto a artistas de fóra como da comarca para que poidan expoñer dun xeito moi explícito as súas obras e ademais é unha forma de embelecer a paisaxe urbana da vila do Barco”, indicaba a concelleira de Cultura, quen detallaba que serán oito instalacións as que poderán verse en diferentes rúas e prazas, complementadas con outra na Praza de Abastos e cunha exposición colectiva, titulada “As vidas humanas”, que estará instalada na sala Abanca (na praza do Príncipe).

 

Mapa de localización das diferentes instalacións que figura no folleto do festival.

O curador de enBarcArte incidía no carácter reivindicativo dalgunhas das pezas desta edición como é o caso de “Réquiem”, do colectivo Las Viudas del Planeta, que se situará na praza do Concello do Barco, mentres que outras apostan por fomentar a interacción co espectador, que poderá entrar nelas, sentarse ou incluso pintalas. “Isto supón unha interacción coa obra e fai que a arte non sexa estática”, matizaba Margarida Pizcueta. Este será o caso de “Eco-Folie” (na praza do Concello) da creadora vasca Surya Namaskar ou de “Igloo” (praza Maior) do valdeorrés Griseo.

Ademais durante os días do festival poderá visitarse na sala Abanca a exposición “As vidas humanas”, cuxa inauguración está prevista para o sábado día 7 ás 19:30h. O seu plantexamento e temática contrasta “coa da pasada edición, que era moi abstracta. Neste caso o tema é moi concreto, pero tamén o suficientemente amplo”, comentaba Jorge Barredo, que nesta elección inspirouse nun debuxo co título “As vidas humanas” de Roberto Álvarez, un dos creadores que expoñen nesta colectiva.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

 

Artigos relacionados

Back to top button