ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco pedirá que a súa EDAR se inclúa no proxecto VATar-Covid-19

Na sesión plenaria celebrada na tarde do 1 de decembro aprobábase unha moción nese senso presentada polo BNG

 

O Concello do Barco de Valdeorras solicitará ante a Xunta de Galicia e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) a súa inclusión no proxecto VATar-Covid-19, e a da súa EDAR como punto de toma de mostras, aducindo para esta solicitude a súa importancia e relevancia poboacional dentro do contexto provincial ourensan, e a súa situación estratéxica como porta de Galicia.

Así o vén de acordar o pleno do Barco na sesión plenaria desta tarde ao resultar aprobada a moción sobre este tema presentada polo concelleiro do BNG Suso Vilasánchez. “Como resposta a estas novas ameazas epidemiolóxicas e en relación coas recomendacións da UE, en España impleméntase o proxecto VATar-Covid-19 [desenvolvido polo MITECO, o Ministerio de Sanidade co apoio do
CESIC, do CEDEX (Centro de estudos e experimentación de OOPP) e das CCAA ]. Este proxecto V a data de 19 de maio de 2022 tomaba mostras de augas residuais na Galiza en catro EDAR: Reza en Ourense, Lugo, Lagares en Vigo e Placeres en Pontevedra. Coñecemos as recomendacións da UE de que este sistema de vixilancia proposto debe de cubrir unha parte significativa da poboación do estado membro e debe incluír como mínimo as augas residuais das poboacións maiores a 150.000
habitantes, pero que poden seleccionarse outros lugares de mostraxe adicionais para comprender mellor a circulación do virus en relación a posibles movementos de poboación a través dos distintos territorios. Está claro que a recomendación da UE marca mínimos mais non máximos e que as CCAA coñecedoras da súa realidade socieconómica deben deseñar os seus plan específicos de distribución de mostraxe territorial”, tal e como sinalaba o edil nacionalista na exposición da moción.

Neste senso, Vilasánchez plantexaba na provincia de Ourense “só se recolle esta mostraxe nun punto EDAR, mais nós somos conscientes de que a vila do Barco é a capital indiscutible da zona nororiental da provincia, que ademais diso recibe unha afluencia de persoas grande como corresponde a unha das entradas a Galiza dende a Meseta; conta ademais cun Hospital Público a onde van ir enfermos de Covid-19, e está conectada augas arriba polo río Sil coa cidade de Ponferrada (onde por certo tamén se fan mostraxes e no 2021 de 52 mostras recollidas 11 foron positivas e 2 presuntamente positivas) e
todo isto a máis de 100 Km do único centro de recollida de mostras da provincia”.

 

O concelleiro barquense do BNG Suso Vilasánchez defendendo a moción.

 

A moción concluía pedindo que o Concello do Barco solicitará ante a Xunta de Galicia e o MITECO a súa inclusión no proxecto VATar-Covid-19, e a da súa EDAR como punto de toma de mostras. A moción lograba o respaldo dos concelleiros socialistas, así como o de Riada Cidadá, sen embargo o grupo municipal do PP decidía absterse ao considerar a “petición extemporánea. Estamos moi lonxe de cumprir cos requisitos e o proxecto acabaría en tres meses, polo tanto non ten ningunha significación que o pidamos”, sinalaba a voceira popular Sabina Aguado.

Pola súa banda, os socialistas explicaban o seu voto a favor indicando que “as augas residuais están sendo un laboratorio moi importante para detectar, non só virus, senón que tamén ofrecen unha información moi ampla noutros aspectos e en tempo real”, segundo dicía o seu voceiro, Aurentino Alonso, se ben matizaba que “isto non é unha competencia municipal” e que “non vai ter custo para o Concello”.

Na sesión plenaria tamén resultaban aprobados dous ditames da Comisión de Contas.

Artigos relacionados

Back to top button