Achegar de forma directa e rápida a información municipal aos cidadáns. Con este obxectivo o Concello do Barco vén de poñer en marcha unha aplicación para comunicarse cos veciños. Este sistema denomínase TockApp e as persoas interesadas poden subscribirse a el dándose de alta a través do móbil ou ben dende a páxina web do Concello do Barco (http://www.concellodobarco.org).
Unha vez activada a aplicación, poden escollerse as áreas temáticas existentes que máis lle interesen ao usario para poder recibir información directa no seu móbil sobre elas. Polo de agora hai catro creadas: Cultura, Convocatorias, Deportes e Información xeral.
“Un dos grandes retos do Concello é conseguir que a xente se entere de todo o que facemos. En determinados departamentos como o de Cultura e Deportes xa creamos grupos de correo electrónico pero queríamos ir un pouco máis alá. De feito a eses grupos xa se lle vai enviar unha invitación para que activen esta nova aplicación”, explicaba o alcalde do Barco, Alfredo García, na rolda de prensa na que se presentaba a App.
Fotos: A.R.