A só unha semana de despedir o verán, O Barco de Valdeorras vivirá a súa fin de semana grande, catro intensos días de festa na honra ao patrón da vila, O Cristo, cunha completa programación organizada dende o departamento de Cultura, para tódolos gustos e franxas de idade, coa música, de estilos moi variados, e o deporte como eixes centrais do 11 ao 15 de setembro.
O historiador valdeorrés Antonio Castro Voces abrirá as festas na noite do 11 de setembro coa lectura do pregón
Coma sempre será o pregón no Teatro Lauro Olmo, o acto que marque o comezo e nesta ocasión correrá por conta do historiador Antonio Castro Voces. A cita será o xoves 11 de setembro a partires das nove da noite, amenizada musicalmente polo Orfeón Valdeorrés, entre outros.
Coa inauguración feita, o venres 12 de setembro comezarán as festas. E farano xa de boa mañá co pasarrúas do grupo de gaitas Celtas Largos por todo o pobo. A esa mesma hora, sairá da praza do Concello o tren das festas, que percorrerá as rúas da localidade barquense, pola mañá de 11 a 13h. e pola tarde de 16 a 18h.
Os primeiros actos musicais da programación terán lugar cara a noitiña, a partires das nove en dous escenarios distintos. Por unha banda, na praza do Príncipe actuará o grupo Brincadeira de Santiago de Compostela, cun espectáculo de baile, música e canto tradicional galego, dentro do programa “Cultura no Camiño”. No outro extremo do pobo, no campo da festa, o baile estará amenizado pola orquestra Gran Parada que actuará de novo en sesión verbena.
E entre medias, en torno ás 23:45h. o concerto estrela das festas, a cargo da banda valenciana Seguridad Social, comezará na praza Andrés de Prada, cun repertorio e estilo musical para toda a familia.
Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella
(A información íntegra pode lerse na edición en papel do Especial Cristo do Periódico O Sil).