
A diferenza do 2020, neste ano si haberá Semana Santa, pero será moi diferente a como se viña celebrando ata agora: sen procesións, con aforos limitados e con cambios nos horarios por mor do toque de queda ás dez da noite. A isto súmase, no caso do Barco outra novidade: todos os cultos se celebrarán na igrexa de San Mauro (cun aforo máximo de 84 persoas), ao estar pechada a de Santa Rita polo arranxo dunhas pingueiras.
Así, o programa relixioso da Semana Santa barquense abrirase mañá 28 de marzo, Domingo de Ramos, cunha misa ás 12:30h. e coa bendición de ramos. Nese senso, o párroco barquense Tomás Rodríguez, indica que cada “persoa debe levar o seu ramo e non se poderán intercambiar”.
Xa o Xoves Santo ás 11h. terá lugar a confesión comunitaria e, pola tarde, ás 17h. celebrarase a misa da Cea do Señor, desta volta sen o tradicional lavatorio de pés. Posteriormente, entre as 20:30h. e as 21:30h. desenvolverase a Hora Santa.
O Venres Santo haberá tamén confesión comunitaria ás 11h. e ás 17h. oficiarase a acción litúrxica na Morte do Señor. O Sábado Santo será a Vixilia Pascual ás 20:30h. e nesta celebración o párroco barquense sinala que as persoas que queiran ter auga bendita deberán levar a súa propia botella de auga, que será bendecida.
Os actos da Semana Santa do Barco concluirán o Domingo de Pascua coas misas ás 12:30h. e ás 18h.