ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco proporá pintar as pas dos aeroxeradores para evitar a mortalidade de aves

O pleno desta corporación municipal aprobaba onte unha moción nesa liña presentada polo concelleiro do BNG

Imaxe dunha sesión plenaria no Barco.

 

Na sesión plenaria que a Corporación barquense celebraba na tarde do 8 de abril saía adiante unha moción presentada polo concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, nas que se acordaba que o Concello do Barco “instará á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Transición Ecolóxica a contemplar a esixencia de pintado dunha pa e parte do mastro dos aeroxeradores para conceder licenza ou autorizacións administrativas de novas construcións ou explotacións de parques eólicos”.

Na exposición da moción o edil nacionalista referíase á importante mortalidade que está causando o parque eólico español en aves e morcegos. “Esta mortalidade vén ocasionada por bater os animais coas pas dos rotores e incluso coas torres das turbinas; mais hai un estudo noruegués que conclúe que este número de mortes pode reducirse ata nun 70% ao pintar de negro unha pa de rotor e partes das torres das turbinas”.

 

O concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez.

 

Así mesmo Vilasánchez indicaba que “somos conscientes da pretensión de instalación de varios parques eólicos na nosa contorna xeográfica así como no resto do país, e somos tamén conscientes de que moitos destes parques han de ser colocados cerca de zonas da Rede Natura ou de grande valor ecolóxico, producindo sen dúbida un dano ambiental, evitable grandemente só con pintar de negro unha das pas de cada aeroxerador a parte do seu masro, e que este proceder non resulta gravoso se o pintado se produce antes da instalación do aeroxerador”.

Finalmente, a proposta saía adiante por 12 votos a favor do partido socialista, Riada Cidadá e do BNG, mentres que os 4 edís do PP asistentes á sesión abstíñanse.

 

Artigos relacionados

Back to top button