Facer da antiga zona industrial de Cedie, que abrangue uns 14.000 m2, un museo. É o proxecto no que traballa o Concello do Barco en colaboración coa empresa valdeorresa. Así o anunciaba o alcalde do Barco, Alfredo García, durante a visita que realizaba na mañá do 26 de novembro o conselleiro de Economía, Francisco Conde, a esta empresa.
“Un aspecto que para a dirección de Xagoaza Inversiones e para Honorato López Isla é fundamental é a recuperación de toda a zona vella de Cedie, onde están todas as naves industriais que foron o santo e seña desta empresa”, aseguraba Alfredo García.
Neste senso, o Concello do Barco ten previsto realizar unha modificación do plan xeral de ordenación municipal na zona de Cedie e, a partir dese cambio, os 14.000 m2 onde se sitúan os antigos fornos de cal, caliza, carburos, etc, “pasarían a ser públicos coa intención de que sexan, por unha banda un museo industrial”, proseguía o rexedor barquense.

Con este proxecto preténdese “converter as naves en espazos museísticos e en espazos de eventos e de infraestruturas públicas, aínda que non imos ir máis aló e dicir agora que tipo de museos e demais. A idea é crear unha fundación na que non só estea o Concello do Barco e a propia Cedie, senón que tamén intentaremos meter a outros actores porque iso vai supoñer un gran investimento”, matizaba Alfredo García.
“Entedemos que será unha aposta decidida por outro aspecto, outro desenvolvemento económico para a comarca, que pode ser o turismo, e, neste caso, o turismo cultural que cremos que é un polo importante de desenvolvemento económico”, concluía o alcalde do Barco.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información:
https://osil.info/francisco-conde-a-actividade-de-cedie-demostra-que-tamen-desde-o-rural-se-poden-construir-novos-proxectos/