EconomíaEconomíaÚltima hora

O Barco quere promocionar o botelo no Reino Unido

A través do Eixo Atlántico, o Concello pretende iniciar a promoción no exterior deste produto, con Londres como primeiro destino

 

Bandexas con botelo na última Festa do Botelo do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tras a boa acollida en Galicia, agora o Concello do Barco pretende promocionar fóra o Botelo. E nese senso, a través do Eixo Atlántico iniciouse a promoción no exterior, con Londres como primeiro destino. Así o presidente do Eixo Atlántico e alcalde do Barco, Alfredo García, vén de reunirse na mañá do 5 de xullo (xunto co secretario xeral deste organismo transfronteirizo, Xoán Vázquez Mao, e a concelleira de Cultura barquense, Margarida Pizcueta) con responsables da Oficina Comercial dependente da Embaixada de España no Reino Unido, aos que lle plantexou a posibilidade de realizar accións de promoción do botelo neste país.

Durante o encontro o conselleiro comercial da embaixada, José Ramón del Valle, comprometeuse a elaborar unha proposta, neste mesmo ano, con actuacións concretas, que se presentará para o seu estudo e execución nun futuro cercano, segundo se informa dende o Concello do Barco.

 

Un dos momentos da reunión./ Foto cedida.

O obxectivo, di o presidente do Eixo, Alfredo García, é “conseguir que o botelo se converta nun produto dinamizador da economía do Barco e da comarca de Valdeorras, que sirva para a creación de empresas e a xeración de emprego e tamén para promocionar a comarca fóra de Galicia e fora de España”. Para o rexedor barquense esta reunión ten sido un “primeiro paso e estamos satisfeitos da boa acollida que tivemos na embaixada. Neste momento toca esperar a proposta que nos van presentar e decidir o camiño concreto que se toma a partir de agora”.

O botelo do Barco, recordan dende o Concello do Barco, “é xa un produto moi coñecido na provincia de Ourense, tras a celebración de preto de 20 edicións da Festa do Botelo, (que congrega cada año a máis de 1.000 persoas para degustar este produto típico da matanza), e tamén en Galicia, tras as citas anuais que se celebran desde hai varios anos en Vigo e Coruña para degustar este embutido en recoñecidos restaurantes de ambas cidades”.

Artigos relacionados

Back to top button