ConcellosO BarcoÚltima hora

O Barco recupera este ano o apartado lúdico da Festa de San Mauro

Celebrarase o 14 e 15 de xaneiro e haberá cultos, música e actividades para os nenos

Festa na praza Maior do Barco./ Foto: A.R.

 

Tras moitos anos limitándose aos cultos e unha pinchada da Policía Local e convidados, neste 2024 a zona vella do Barco de Valdeorras recupera a festa popular na honra ao San Mauro. Será os días 14 e 15 de xaneiro, da man da comisión formada polos responsables de catro establecementos hostaleiros: Tapería Agarimo, Restaurante San Mauro, Café Bar Veira Sil e Pizzería O Barco.

“Esta sempre foi unha festa moi importante pero cando faleceu quen a organizaba, perdeuse”, aseguran dende a comisión, cuxo obxectivo é dar vida á zona vella do Barco. Así, o programa arrincará o domingo día 14 con pasarrúas dun grupo de gaiteiros pola mañá e continuará con xogos populares para os nenos na praza en torno ás 16 horas, “sempre que non chova e antes de que empece a escurecer”, puntualizan. E xa pola tarde haberá baile na praza a cargo do Trío Xtra. Con todo, o día grande será o luns, festividade de San Mauro.

 

Procesión de San Mauro./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Así, o vindeiro 15 de xaneiro ás 12 horas a imaxe do monxe benedictino sairá de novo polas rúas do casco antigo da localidade valdeorresa a ombros dalgúns dos municipais da vila, sendo custodiada polo resto do corpo de forzas de seguridade local, ata rematar de novo na igrexa onde dará comezo a eucaristía. Unha vez rematado o acto relixioso a Policía Local do Barco reunirase nun local do casco antigo da vila en torno a un aperitivo xunto a outros compañeiros do gremio e a corporación municipal. A festa continuará pola tarde con baile na praza, desta volta a cargo do trío Azahar.

Artigos relacionados

Back to top button