En portadaÚltima hora

O Barco, Trives, Viana, Vilariño de Conso e A Veiga, entre os concellos presentes en Xantar

 

Durante cinco xornadas, dende hoxe e ata o vindeiro domingo 13, Expourense convértese no epicentro do turismo enogastronómico peninsular reunindo a 165 expositores e con 5 países representados (España, Portugal, Estados Unidos, Perú e Costa Rica). Contará ademais con 8 restaurantes, 3 aulas gastronómicas, 1 aula de catas comentadas e 1 espazo de degustación e promoción das festas gastronómicas de Galicia.

Entre os expositores que se poden visitar, están un ano máis os dos concellos da Pobra de Trives, Viana do Bolo, Vilariño de Conso ou A Veiga, ademais do Xeodestino Trevinca-Valdeorras e adegas como Roandi o a Cooperativa Xesús Nazareno, do Barco, entre outras.

Unha das novidades desta edición é o Espazo das Festas Gastronómicas de Galicia no que se ofrecen continuas degustacións dos produtos de calidade que dan orixe ás mesmas e que son máis de 300 en Galicia.

Na primeira xornada do salón celebráronse as promocións das festas do Requeixo (requeixo) con mel das Neves; do Viño de Amandi e da Rosca de Sober; a de Callos e Petiscos Irmandiños de Vimianzo ou as Festas do percebe, berberecho, raxo ou fabada de Ponteceso. Hoxe celebrouse tamén o IX Encontro de Bloggers no que participaron máis de 30 blogueiros de toda Galicia, Portugal, León e Toledo. Este encontro contou coa colaboración do Concello de Ourense que lles organizará ademais mañá pola mañá unha visita guiada pola cidade na que tamén participarán os cinco operadores de turismo que hoxe participaron no Workshop de Turismo Gastronómico.

 

Encontro de blogueiros en Xantar.

 

Durante esta primeira xornada puideron degustarse tamén os 13 menús que ofrecen os 8 restaurantes desta edición e procedentes de Zamora, A Guarda, Massachusetts e dos concello da Arnoia e O Irixo. Para promocionar e degustar a gastonomía dos camiños pódese comer no restaurante promovido polo INORDE “Camiños EnOUgastronómicos” e o que promociona o Camiño Miñoto Ribeiro que parte de Braga e percorre a comarca do Ribeiro.

Outra das novidades en restauración este ano, especialmente pensada para as visitas de fóra de Galicia, é a recreación dunha taberna que ofrece empanada, polbo á feira e carne ó caldeiro e “café de pota” que é un menú que nunca falta, e nunca falla, en calquera festa popular desta comunidade. Tamén se celebrou o primeiro pase do Concurso de Cociña Gourmet que correspondeu á categoría profesional.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button