
O Centro Dramático Galego (CDG) inicia este xoves día 24 de outubro en Lugo a xira que levará o seu espectáculo Terceiro acto a oito escenarios durante o seu regreso ás táboas co gallo da celebración do 40º aniversario da compañía pública de Galicia. Materializarase así o percorrido que non fora posible levar a cabo con esta produción en 2021 por mor da pandemia.
O Auditorio Municipal Gustavo Freire da capital lucense recibirá esta montaxe o xoves ás 20,30 h., na que será a súa primeira representación fóra do Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede da unidade teatral da Xunta. Alí vén de ofrecer 14 funcións tras a súa reestrea do pasado día 3, nas que tamén recibiu público dos preto de 50 concellos que fixeron uso do plan de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?.
Terceiro acto continuará a súa viaxe ata o 16 de novembro con paradas en Narón (Pazo da Cultura, 26 de outubro), Tui (Teatro Municipal, 31 de outubro), Pontevedra (Pazo da Cultura, 2 de novembro), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 8 de novembro), Cedeira (Auditorio Municipal, 10 de novembro), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 14 de novembro) e Ourense (Teatro Principal, 16 de novembro).
Homenaxe a unha xeración clave
Esta segunda xeira do espectáculo mantén o mesmo espírito de homenaxe a unha xeración clave na profesionalización do teatro galego. Desta volta, César Cambeiro, María Costas e César Goldi uníronse a Belén Constela e Fernando Morán, que xa conformaban o elenco hai tres anos, para levar a escena as diferentes historias do espectáculo orixinal, con dirección compartida entre Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez. Del consérvanse, así mesmo, a escenografía deseñada por Marta Pazos, o vestiario de Yaiza Pinillos, a coreografía de Amaya Galeote e a iluminación de Miguel Ruz, en tanto que Laura Míguez se incorporou como axudante de dirección.
Terceiro acto ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida, á vez que reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual. Sobre as táboas, unha troupe de actrices e actores veteranos reúnese de xeito clandestino pola noite para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. Reviven o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Analizan tamén o seu legado e proxéctanse no futuro incerto para falar sobre a vellez, a morte, os seus anhelos e desexos para esta nova etapa vital.