En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Barco vístese de gala coa pasarela de moda do Centro Comercial Aberto

Unha vintena de establecementos participaban no desfile presentado polo actor barquense Christian Escuredo

 

En homenaxe ao Camiño de Inverno que atravesa Valdeorras ao longo de máis de 200 quilómetros ata chegar a Santiago de Compostela, se celebraba a Pasarela O Barco de Moda 2019. O desfile organizado polo Centro Comercial Aberto O Barco que na noite do 20 de setembro abarrotaba a praza do Concello barquense.

Entre o a Casa do Concello e o Edificio Multiusos onde se instalaba a pasarela, e coincidindo coa noite violeta contra a violencia machista, pasadas as nove da noite subíase ao escenario o mestre de cerimonias, o actor barquense Christian Escuredo asegurando sentirse “moi orgulloso” de estar na súa terra presentando un acto para apoiar ao comercio local, a través da pasarela “máis autóctona e con denominación propia”, na que todo, dende a organización ata a presentación, a coordinación e os modelos, eran de Valdeorras e totalmente amateur.

 

Membros do Centro Comercial Aberto O Barco durante o desfile.

 

Pase de Miranda X e Periódico O Sil.

 

Seguindo o fío condutor da noite, era a presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago por Valdeorras vestida de peregrina, a que abría a gala que contou con preto de cen modelos (50 adultos e 40 infantís) seleccionados en sendos castings organizados a comezos de mes). De seguida eran os cativos os que animaban o ambiente co primeiro pase con prendas de Koki, golosinas de Chuches Ale e complementos de Dulce Bebé. Despois tocáballe o turno a Librería Murciego e de seguido Casabella, de novo con Chuches Ale e Dulce Bebé. A maquillaxe dos modelos correu por conta de Ana de la Puente, sendo un traxe de noiva de Pizpireta e traxes de arras de Koki, os que pechaban a primeira parte do desfile no que Christian estivo vestido de Miranda X.

 

Un modelo de Pizpireta.

 

A segunda parte, xa cos adultos, arrancaba co presentador cun novo look (de Nº 37) dando paso ás propostas para este outono/inverno de Hache. Despois desfilaron Nº 37, Garoba, Can Can e Ana Óptica, Baamonde e Multiópicas Valdeorras, O Prenda Curvy, Miranda X e o Periódico O Sil (cun chamativo baile previo), Pizpireta e Costuritas. Os peiteados foron obra de Perruquería Margot, a decoración da pasarela de Perfumería e Droguería Damas-Escuredo, e tanto o son como a iluminación, de Ton y Son.

 

O actor barquense Christian Escuredo e o deseñador vianés Jorge Álvarez.

 

Dun xeito dinámico, entretido e entre aplausos, remataba o desfile propiamente dito no que a vintena de establecementos comerciais participantes amosaban a pé de rúa algunhas das súas propostas para a tempada invernal. Non podía ser doutro xeito e o broche de ouro poñíao a coordinadora, a ex modelo barquense Diana Ortiz, desfilando cun traxe moi especial: un dúas pezas creado por Jorge Álvarez, un deseñador novel de Viana do Bolo que en só tres anos lograba facerse con dous importantes premios para xoves deseñadores (un na Mostra do Encaixe de Camariñas e outro no Balneario de Mondariz). Convidado de honra á gala tamén subía ao escenario para despedir o evento, explicando que o traxe (un dúas pezas en tons negro e prata con pedrería e ombreiras de plumas) co que Diana estaba “espectacular”, estaba inspirado “nunha muller forte e triunfadora”.

 

A presidenta do CCA O Barco Sandra Moldes.

 

Sandra Moldes, Christian Escuredo, Diana Ortiz e Jorge Álvarez tralo desfile.

 

Na parte organizativa o desfile contou con moita colaboración, destacando a de Asfaval, con varios membros desfilando con moita gracia e ánimo pola pasarela, a de Cruz Vermella, Protección Civil e Policía Local, sen esquecer ao Concello. A todos eles lles deu as grazas a presidenta do CCA Sandra Moldes, visiblemente nerviosa, que subía á pasarela para despedir o acto xunto a Diana, Christian e Jorge, vendo cumprido o obxectivo da pasarela “que a xente apoie o comercio do Barco”.

Tralo desfile, a noite remataba cunha pinchada para os participantes e organizadores.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Vestido de noiva.

 

Unha das propostas casual do desfile.

 

Diana Ortiz co deseño de Jorge Álvarez.

 

Ampla información e máis fotos no monográfico Pasarela O Barco de Moda que sairá en papel no mes de outubro.

Máis fotos e vídeos no seguinte enlace: https://osil.info/a-pasarela-o-barco-de-moda-2019-avance-fotos-e-videos/

Artigos relacionados

Back to top button