Subíndose ao podio vén de encetar a tempada o atleta barquense José Fernández Nieves, que compite co R.C. Celta de Vigo. Este mediodía tomaba a saída no 33º Campionato galego de marcha en ruta, que se celebraba na Pobra do Caramiñal.
O marchador completaba os 10 km da proba nun tempo de 45:40, sendo o terceiro absoluto en cruzar a liña de meta e facéndose coa prata na categoría M40. O ganador absoluto da cita era Daniel Chamosa (S. Ximnástica de Pontevedra), cun rexistro de 41:22, mentres que Juan Manuel Morales (Marineda Atlético), era segundo.