CulturaCulturaÚltima horaVídeos

O barquense Mauro Docampo, mención honorífica no Concurso de recitado poético “Rosalía sempre viva”

Este certame celebrábase a pasada fin de semana na Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei

Mauro Docampo Gacio, alumndo do IES Martaguisela, nun dos momentos do concurso./ Imaxe cedida.

 

A Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, acollía o sábado 19 de marzo a final do “VI Concurso escolar de recitado poético Rosalía sempre viva”, dirixido a todo o alumnado de ensino non universitario de Galiza, desde 1º de Primaria até 2º de Bacharelato. Un certame cuxa fase previa se desenvolveu en centros educativos de Lugo, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Viveiro, Arbo, Compostela, Panxón, Xanceda, Cea, Rodeiro, Foz, Monterroso, Carballo, Rianxo, Ponteareas, Milladoiro, Vigo, Cambados, A Estrada, O Barco e Vilalba, dos que saíron os máis de medio centenar de finalistas optaban aos premios que concedía o xurado, composto por persoas do ámbito do ensino, do teatro e a poesía.

Entre eles estaba a mención honorífica que recollía o barquense Mauro Docampo Gacio, do IES Martaguisela, que recitaba o poema “O cedro da horta da Casa de Hortas”, de Manuel María. Era ademais o único estudante premiado da provincia de Ourense.

O concurso “Rosalía sempre viva” iniciouse en 2015 co obxectivo de potenciar a expresión oral e a creatividade entre o alumnado galego a través do coñecemento e o recitado da poesía en galego de Rosalía de Castro e da ampla obra poética de Manuel María, dúas das voces máis importantes e populares da literatura galega. “Desde o primeiro ano a receptividade do certame e a resposta de participación foi moi salientábel, rebordando todas as expectativas, e facéndose preciso desenvolver o certame ao longo de toda a xornada para poder acoller á totalidade do alumnado participante así como ao profesorado e os familiares acompañantes”, sinalan dende a Casa-Museo Manuel María.

 

Algúns dos premiados nesta edición do concurso./ Foto: Casa -Museo Manuel María.

 

En 2020, na mesma semana que se ía celebrar a fase final do certame, houbo que suspendelo ante a situación socio-sanitaria motivada pola aparición da COVID, situación que houbo que prolongar en 2021.

Na presente edición o número de participantes volve ser moi alto, mesmo supera o da última edición pre-pandemia. Por iso, a xornada estrutúrase en quendas de mañá e de tarde: durante a mañá recitaban as categorías 1 e 2, correspondentes ao estudantado de primaria, e durante a tarde a 3ª e 4ª categoría, que se corresponden con alumnado de secundaria, bacharelato e ciclos formativos.

Os recitados da mañá daban comezo ás 11.30h. e os da tarde ás 16.30h. No decorrer da xornada, nos momentos de deliberación do xurado, estaban previstos percorridos guiados polo interior da Casa-Museo Manuel María para os participantes, así como para o profesorado e familias que os acompañaban.

 

Vídeo cedido.

Os premiados

-1ª categoría (1º, 2º e 3º de primaria): Lara López Vázquez, CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, polo recitado do poema “O carro” de Manuel María.

-2ª categoría (4º, 5º e 6º de primaria): Carla Sánchez Lamas do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, polo recitado do poema “A fala” de Manuel María.

-3ª categoría (Educación Secundaria): Sara Martínez Quindimil do CPI de Xanceda (Mesía), polo recitado do poema “Castellanos de Castilla” de Rosalía de Castro.

-4ª categoría (Bacharelato e Ciclos Formativos): Noelia Fernández Romero do IES Félix Muriel de Rianxo, polo recitado do poema “Silencio” de Rosalía de Castro.

– Mención honorífica: Iago Gayoso López, na categoría 1ª, do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, polo recitado do poema “Rosas” de Manuel María; na categoría 2ª, Manuel Pedreira Syeiro, do CEIP Anexo-A Lomba de Vilagarcía de Arousa, por “Canto ao idioma galego” de Manuel María; na categoría 3ª, Sara López Ramudo, do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba polo recitado do poema “Campana de Bastabales”; e na 4ª categoría, Mauro Docampo Gacio, do IES Martaguisela do Barco de Valdeorras, polo poema “O cedro da horta da Casa de Hortas”, de Manuel María

Artigos relacionados

Back to top button