PolíticaÚltima hora

O BNG alerta dun novo recorte nos servizos ferroviarios nas comarcas de Valdeorras e Lemos

Néstor Rego rexistra novas iniciativas para que "o Goberno do Estado cese na pretensión de desmantelar os servizos ferroviarios que está a provocar un prexuízo para máis de 150.000 habitantes"

Estación de A Rúa-Petín. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O Bloque Nacionalista Galego, a instancias do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas ante o desmantelamento dos servizos ferroviarios na comarca de Valdeorras. A frente nacionalista exixe ao Goberno do Estado “restabelecer todas as liñas e frecuencias que conectan a comarca ourensá e tamén a comarca de Lemos co resto do País e a meseta, así como dotar de medios materiais e humanos suficientes o servizo ferroviario en toda a Galiza que favoreza o uso do transporte colectivo en detrimento do vehículo particular”. “De non facelo”, apunta Rego, “estarase perpetuando a discriminación que sofre a Galiza e Ourense no transporte por ferrocarril”.

Tal como explican dende o BNG, a entidade pública Renfe, adscrita ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, anunciou un novo recorte nos servizos ferroviarios que presta nas comarcas de Valdeorras e Lemos. “O cambio de horarios impedirá que a veciñanza destes dous territorios collan o Alvia con destino a Madrid, a través do seu enlace con León”, puntualizan. No comunicado oficial por parte do Goberno especifica que esta modificación é polas obras na infraestrutura que se está a desenvolver no túnel de Pajares, entre Asturias e León, mais a organización nacionalista alerta de que “pode tratarse dun novo recorte no servizo que se presta nas comarcas de Valdeorras e Lemos”.

 

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

 

“Esta decisión provoca un prexuízo a máis que 150.000 habitantes que se verán obrigados a desprazarse até Ourense para enlazar cos servizo de alta velocidade” afirma o deputado do BNG mentres denuncia o déficit nas comunicacións que posúe Valdeorras. Cabe lembrar que o servizo directo de ferrocarril que conectaba a comarca con Madrid foi eliminado hai anos. “O que agora están a eliminar é a posibilidade de enlazar en León, o que xa era un despropósito, o que provocará un aumento do tempo de viaxe para as persoas que precisen desprazarse até Madrid porque terán, primeiro, que desprazarse até Ourense e, posteriormente, coller o tren de alta velocidade” destaca.

Mais, para Rego, esta resolución vén a sumarse a outras que foron no mesmo sentido: “desmantelaron o servizo presencial de venda de billetes e substituírono por máquinas, pecharon estacións na comarca –que agora funcionan unicamente como apeadeiros como na Rúa e no Barco- e mesmo eliminaron liñas e frecuencias que conectaban con Ourense e outras cidades do País”. Neste sentido, o deputado do BNG reclama “a rectificación por parte de Renfe e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e restabeleza todos os servizos que a entidade ferroviaria pública prestaba na comarca”.

Artigos relacionados

Back to top button