PolíticaÚltima hora

O BNG da Rúa aposta por un “goberno de esquerdas” neste concello

A formación nacionalista vén de emitir un comunicado valorando a situación respecto aos posibles pactos postelectorais neste municipio valdeorrés

A falta dunha semana para a constitución da novas corporacións municipais e para a elección dos novos alcaldes, o BNG da Rúa vén de emitir un comunicado sobre os posibles pactos electorais neste concello valdeorrés, tendo en conta os resultados do pasado 26 de maio: nos que o BNG se mantivo con tres concelleiros, o PP baixou un, quedándose con catro, e o PSdeG-PSOE outro, logrando dous concelleiros, mentres que o RUA obtiña dous edís.

“O primeiro que queremos sinalar ante este panorama é a importancia do resultado obtido polo BNG sendo a única formación que repite resultados nun contexto no que pasamos dunha concorrencia ás urnas de só tres formacións políticas (en 2015) a outro no que foron cinco as siglas que se presentaron como elixibles ante a cidadanía da Rúa”, indican dende o BNG rues, cuxa cabeza de lista nas municipais era María Albert.

Neste contexto, “a priori e ante a inexistencia dunha maioría absoluta, ábrese un panorama de pactos no que distintas forzas políticas teremos que entendernos desde posicións diferentes para tentar atinxir o ben mellor para o noso Concello”, prosegue a formación nacionalista, “somos conscientes que a día de hoxe hai un grande interese cidadán por saber como se vai concretar o novo goberno municipal e queremos destacar que, aínda que non temos feito manifestacións públicas até o de agora, desde o primeiro momento estamos pulsando as opinións da xente nas rúas así como a do PSdeG-PSOE para tentar saber cal é o sentir xeral”.

Nese senso, o BNG da Rúa asegura que, tal como manifestaban durante a campaña, “seguimos a defender e a traballar na posibilidade dun goberno de progreso para A Rúa que continúe coa senda iniciada vai catro anos pola coalición BNG-PSOE e esa é a oferta que temos feito até o de agora aos nosos actuais socios de goberno, se ben é certo que aínda non nos deron o si. Entendemos que, até este momento, nos atopamos nunha situación na que a unión dos partidos que gobernamos A Rúa desde xuño de 2015 conta cunha maioría simple de cinco concelleiros fronte aos catro que ten o Partido Popular e ante un RUA que continúa a manifestar que non ten acordos pechados de antemán e que está disposto a falar e pactar con quen
ofreza a mellor alternativa de goberno para o futuro do noso Concello”.

No seu comunicado a formación nacionalista conclúe que “ante este conxunto de realidades reafirmamos que o BNG tentará até o último momento que A Rúa conte cun goberno de esquerdas, que respecte
a soberanía popular e que teña como único obxectivo o ben común e non os intereses privados”.

Artigos relacionados

Back to top button