PolíticaÚltima hora

O BNG de Viana amosa a súa postura ante as propostas socialistas para formar goberno

Os nacionalistas propoñen, “tendo en conta os resultados electorais”, un goberno co BNG na alcaldía e co partido socialista na primeira tenencia de alcaldía

En resposta ao comunicado do partido socialista vianés de hai apenas unha semana sobre as negociacións para formar goberno municipal, o BNG de Viana do Bolo vén de emitir este luns 10 de maio unha nota de prensa na que, en primeiro lugar, sinala que as eleccións do 26M deron “como resultado: BNG 4 concelleiros, PP 4 concelleiros e PSdeG 3 concelleiros. Este resultado indica que a inmensa maioría das veciñas e veciños de Viana do Bolo optaron por un goberno alternativo ao PP”.

Ademais aseguran que o pasado 30 de maio houbo unha xuntanza entre representantes do BNG e PSdeG-PSOE, “convocada a instancias do BNG”, e que nela o BNG lle propuxo ao partido socialista “a conformación dun goberno alternativo ao PP no que de acordo cos resultados electorais estivera encabezado por un alcalde do BNG e un tenente de alcalde do PSdeG. Nesa mesma xuntanza o PSdeG tamén nos informou que ían ter unha xuntanza co PP”.

Dende o BNG tamén se amosa a súa preocupación “polo contido do escrito do PSdeG de Viana” e “pola actitude que está a ter o PSdeG de Viana nestes días. Neste sentido non entendemos a existencia de xuntanzas entre o PSdeG e o PP de Viana para abordar a situación municipal en relación ao Goberno do noso concello. Xuntanzas confirmadas polo propio PSdeG. Con que obxectivo e para que se fan estas reunións?”.

Sobre a conformación de goberno, os nacionalistas din que tendo en conta o resultado electoral, con 4 edís o BNG e 3 o partido socialista, “o razoable é que a forza que queda por riba (neste caso o BNG) ostente a alcaldía e a que queda por baixo ostente a primeira tenencia de alcaldía. Reiteramos a nosa proposta ao PSdeG de Viana de Bolo, por ser a única razoable neste sentido para, a partir dela, acordar as responsabilidades de áreas de goberno xunta de goberno e os contidos do programa, que é o que realmente debera centrar as negociacións”.

E facendo referencia ao “manifestado polas direccións do BNG e PSdG a nivel galego esta fin de semana”, o BNG de Viana considera que “romper a dinámica xeral de apoio á conformación de gobernos alternativos ao PP en todos os concellos en que é posíbel sería unha enorme irresponsabilidade e unha actitude que situaría a quen a fixese baixo a lupa e a mirada pública. Agardamos, neste sentido, máis responsabilidade por parte do PSdeG local e que teña responsabilidade política e na defensa dos intereses xerais dos veciños e veciñas”.

Artigos relacionados

Back to top button