O BNG levará ao Parlamento galego unha iniciativa para crear unha tarifa eléctrica galega. Esta proposición de lei ten como elemento esencial “algo tan básico como que a riqueza eléctrica beneficie aos galegos e galegas con dous obxectivos principais: reducir o prezo da luz, porque é un ben básico de primeira necesidade e compensar o papel produtor de Galiza. Non pode ser que asumamos os custes sociais e ambientais e o que nos veña de volta sexa unha factura da luz que é unha estafa”, asegura a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
Neste sentido, a portavoz nacional afondou nalgunhas das propostas que recolle a proposta lexislativa do BNG e entre as que se inclúe “acabar cos denominados beneficios caídos do ceo” xa que, segundo subliñou, estamos ante “un timo” dunhas poxas polas que toda a electricidade que entra no mix se paga ao prezo máis caro. “É como se vou á peixería e merco xarda, xurelo e percebe e pago todo a prezo de percebe”, exemplificou.
Tamén propón a iniciativa a redución dos impostos “que pagamos na factura dado que temos unha carga impositiva moi elevada e hai custes que teñen que ir aos OXE, como a moratoria nuclear ou os custes extrapeninsulares”, salientou Pontón, quen a continuación defendeu de novo a necesidade dunha tarifa eléctrica galega, tamén recollida nesta proposición de lei.
“Trátase de baixar as peaxes da factura nas zonas produtoras”, indicou para engadir que é “unha cuestión de xustiza e de sentido común e algo que xa acontece en moitos países da nosa contorna como Alemaña, Reino Unido, Suíza ou Noruega”. Así mesmo, avanzou que a proposta de lei nacionalista tamén inclúe unha tarifa industrial “estable e competitiva”, o que permitiría “ofrecer unha solución ás electrointensivas, cun prezo estable e competitivo, pero con obriga de plans industriais”.
Pontón enmarcou esta proposición de lei nun contexto no que a “escalada do prezo da electricidade alcanza récords diarios e está inmersa nunha punta ascendente que pon os pelos como escarpias. Fai exactamente un ano o prezo do MWh eléctrico era de 35 euros/Mega; hoxe está en 154 e subindo”, advertiu a líder do BNG para a continuación censurar que “isto supón beneficios multimillonarios para o lobby eléctrico e facturas ruinosas para as familias e as pemes”.
Segundo remarcou, “Galiza sofre ademais o agravante de ser un país rico en electricidade que paga os custes ambientais e sociais, polo que reprobou que o que recibimos a cambio é unha estafa que afecta a miles de familias e que pon en risco miles de postos de traballo”.
Pontón incidía en que “cando sobre un ben público de primeira necesidade, como é a luz, decide o lobby eléctrico, a través das portas xiratorias de PP e PSOE, temos que preguntarnos cal é a calidade desta democracia”, reflexionou, para a continuación censurar o papel da Xunta. “E cabe preguntarse para quen traballa o señor Feijóo cando a resposta a esta estafa é unha multa ridícula de 25.000 euros ás eléctricas que, ademais de estafarnos, atentan contra o noso medio”, indicaba a representante do BNG.
Así a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, vén de retar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “a poñerse do lado dos galegos e as galegas fronte á estafa das eléctricas e apoiar a proposición de lei que defenderá o BNG neste pleno parlamentario para que a riqueza eléctrica do país reverta no desenvolvemento económico de Galiza”.