PolíticaÚltima hora

O BNG demanda investimentos duns 8,5 millóns para Valdeorras nos orzamentos galegos

A formación nacionalista presentará unha serie de emendas parciais nas que se piden partidas específicas para o Centro de Saúde rues ou para a mellora da estrada entre A Rúa e A Gudiña

Un dos momentos da rolda de prensa da deputada galega do BNG, María Albert, en Valdeorras.

 

“Os orzamentos da Xunta de Galicia son discriminatorios para a provincia de Ourense, é a que menos diñeiro recibe. O PP non se cansa de dicir que en investimento per capita non deixa de medar, pero non é que medre o investimento, senón que o que baixa é a poboación”, asegura a deputada valdeorresa do BNG no Parlamento galego, María G. Albert.

A parlamentaria presentaba esta mañá en rolda de prensa, acompañada polo responsable comarcal da formación, Roberto Quiroga; e polo edil no Barco Suso Vilasánchez; o conxunto de emendas parciais relativas a Valdeorras que o BNG presentará na Cámara galega e que serán debatidas na Comisión de Economía e Facenda durante a semana que vén. En conxunto, nelas pídese un investimento duns 8,5 millóns de euros para actuacións en Valdeorras, destinadas a ámbitos como o da Sanidade e o das infraestruturas, entre outros.

“Se miramos o anexo de investimentos reais dos orzamentos o único que temos como investimento específico para Valdeorras é o de obras de reforma no Hospital P. Valdeorras (1,3 millóns de euros), que xa licitaron e que non deixan de ser obras de mantemento. Non se recolle a demanda do persoal do PAC de Valdeorras que reivindica que se volva separar este servizo do de Urxencias. Nós recollemos iso nunha emenda e cremos que ten moito sentido porque ademais é unha demanda que se está dando noutros sitios do país, onde tamén están ubicados de forma conxunta eses servizos”, explica Albert.

Tamén piden as emendas nacionalistas un “investimento identificado e especificado” para o Centro de Saúde da Rúa, que si figura “na memoria dos orzamentos, xunto a outros centros, pero non nos investimentos reais. Neles aparece unha partida xeral de máis de 4 millóns de euros para novos centros de saúde galegos, da cal á provincia de Ourense só lle toca o 4,7% do total, é dicir, 300.000 euros para novos centros de saúde”, apunta a deputada do BNG.

Así mesmo, o BNG plantexa nas súas emendas que se orzamenten as prazas de radiólogos no Hospital de Valdeorras e que se cubran de forma definitiva. “Nós entendemos que a sanidade, e máis neste contexto de crise sanitaria, ten que ser unha prioridade que a Xunta non asume”, sinalaba Albert, quen tamén poñía sobre a mesa que “se están a desmantelar de foma evidente todos os hospitais comarcais”.

Infraestruturas

A segunda liña principal na que inciden as emendas que o BNG presentará aos orzamentos galegos é a das infraestruturas con dous focos principais. O primeiro deles é a mellora da OU-536 no tramo entre Valencia do Sil (Vilamartín) e A Rúa, “que ademais coincide co Camiño de Inverno, que non ten ningún tipo de seguridade viaria para os peregrinos. E tendo en conta que o 2021 é ano Xacobeo, entendemos que debería ser unha prioridade para a Xunta arranxar ese espazo. Ademais xa existe un proxecto feito por parte do Concello da Rúa”, aseguraba a parlamentaria valdeorresa.

Por outra banda, o BNG pide a mellora da estrada OU-533, no tramo entre A Rúa e A Gudiña, xa que supón un acceso directo á estación do AVE da Gudiña para as zonas de Valdeorras e Viana do Bolo.

Finalmente, o BNG presentará unha terceira liña de emendas referidas á mellora da calidade de vida en Valderras, que recollen o arranxo de camiños rurais e o saneamento dos ríos Casoio e Sil, entre outras cuestións.

Por outra banda, a nivel galego a formación nacionalista levará unha emenda xeral de Medio Rural para “afortalar o capital galego das adegas das 5 denominacións de orixe, que isto tamén afectaría á comarca de Valdeorras”.

Para Albert os orzamentos galegos para o 2021 “non cumpren cos requisitos mínimos de reactivación  que se deberían requerir nunha situación de crise como actual. É certo que son os máis amplos da historia, pero esa amplitude déixase en mans dos fondos europeos que teñen que chegar, non se sabe cando nin en qué cantidade”.

 

Artigos relacionados

Back to top button