O concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez, presentará na sesión plenaria que a Corporación barquense celebrará mañá unha moción para pedir que se lle “facilite á cidadanía o coñecemento de convocatorias de axudas e subvencións oficiais”.
No texto da iniciativa, Vilasánchez explica que os “poderes públicos dentro das súas competencias de redistribución da riqueza, fomento do emprego, promoción social, axudas á cidadanía etc. adoitan convocar un indeterminado número de concesións de subvencións e axudas, tanto para institucións como para empresas ou particulares. Estas subvencións ou axudas publicítanse nos voceiros oficiais : BOP, DOG e BOE”.
Neste senso, comenta que, “aínda que as institucións e organizacións tanto sindicais como empresariais ou políticas teñen normalmente persoas adicadas á lectura deses voceiros e á comunicación das informacións de interese para os seus representados ou afiliados, a realidade é que os particulares, os autónomos non asociados e as comunidades veciñais adoitan non ter información de moitas das axudas e subvencións convocadas; non porque se lles impida o acceso á información, senón pola dificultade de acceder a ela xa que non poden adicar o tempo suficiente, ou non teñen recursos para ler boletíns oficiais e diarios oficias diariamente”.
Neste senso o BNG propón na súa moción que o Concello do Barco de Valdeorras cree “na súa páxina web un apartado onde se informará, por transcrición literal do texto ou enlace informático, das subvencións e axudas que poidan interesar á cidadanía barquense: especialmente particulares, asociacións veciñais ou autónomos. Advertindo no propio apartado que tal información e só orientativa e que non substitúe á lectura dos voceiros oficiais”.